Skip to main content

Ourense, 16 de novembro de 2022 | A Academia Galega do Audiovisual anunciou hoxe a celebración da vindeira edición dos Mestre Mateo en Ourense, nun acto celebrado no Centro Cultural Marcos Valcárcel presentado por dous insignes ourensáns: a actriz Eva Fernández e o comunicador Rodrigo Vázquez. 

No transcurso do acto anunciouse que a gala da XXI edición dos Premios Mestre Mateo celebrarase no Auditorio Municipal de Ourense o 11 de marzo; tamén se desvelou que a primeiros de febreiro se darán a coñecer as candidaturas finalistas e que volverá celebrarse de xeito presencial a tradicional xuntanza de finalistas, unha cita de referencia para o audiovisual galego, na que académicas, académicos e profesionais candidatos se reúnen nunha celebración que é a antesala da gala de entrega de premios.

Eva Fernández e Rodrigo Vázquez chegaron en coche ao Centro Cultural Marcos Valcárcel, onde os agardaban o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra e o da Deputación provincial, Manuel Baltar. Os catro descubrieron un Mestre Mateo de dous metros de altura dando o pistoletazo de saída ás actividades que a Academia Galega do Audiovisual realizará na cidade das Burgas, que culminarán na gala de entrega de premios.  

A proposta da presente edición desenvolverase fiada polo concepto Témolo ben merecido: reivindicando o orgullo polo noso audiovisual, que triunfa dentro e fora das nosas fronteiras, e festexando o esplendor dun sector digno de ser celebrado. Baixo ese paraugas, e despois de nove anos de ausencia, os Mestre Mateo regresan a Ourense. 

Fotografía: AGA / Garabato photo (de esquerda a dereita)
Susana Veira, vogal da xunta directiva da Academia 
Rodrigo Vázquez, presentador do acto
Álvaro Pérez Becerra, presidente da xunta directiva da Academia
Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense
Eva Fernández, presentadora do acto
Saamira Ganay, secretaria da xunta directiva da Academia