A Coruña, 22 de marzo de 2024 | O Coliseum da Coruña acollerá mañá a gala dos premios Mestre Mateo, un espectáculo que será emitido en directo pola Televisión de Galicia e no que se darán a coñecer as gañadoras e gañadores desta XXII edición.
A gran celebración anual do audiovisual galego regresa á cidade herculina cun espectáculo que estará presentado polos actores Lidia Veiga e Miguel Canalejo e dirixido pola dramaturga Noemi Rodríguez. A música correrá a cargo de Fillas de Cassandra, que contarán coa colaboración de Mondra e os peliqueiros de Laza no transcurso da noite.
Preto de 2.000 persoas asistirán á gala, definida como “unha das máis multitudinarias na historia dos premios” no día da súa presentación. Grazas á colaboración da Área de Igualdade da Deputación da Coruña esta edición dos premios, de tan ampla concorrencia, contará cun Punto Violeta que estará atendido por persoal especializado.
Os Puntos Violeta son espazos de visibilización e conciencian á cidadanía das situacións de violencia que poden sufrir as mulleres, en concreto durante celebracións multitudinarias. A Academia Galega do Audiovisual quere garantir así unha celebración que poida ser desfrutada en liberdade e con total seguridade, contando para iso cun espazo onde informar, prever e atender posibles agresións sexuais.
O Punto Violeta da gala dos XXII Premios Mestre Mateo, situado no recinto da festa, estará atendido por unha psicóloga clínica e unha asistente social que ofrecerán asesoramento e información sobre os recursos e servizos especializados e resolución de posibles dúbidas e, de ser necesario, realizarán unha primeira atención para proporcionar un acompañamento e apoio inmediato ante calquera situación de violencia de xénero e outras violencias machistas detectada.