Skip to main content
  • 143.000 espectadoras e espectadores seguiron, a través da canle pública, os diferentes eventos que articularon a XXII edición dos premios.
  • A produción da gala empregou a máis de 350 profesionais e 60 empresas auxiliares.
  • A alfombra vermella dos premios converteuse nun escaparate das propostas máis actuais da moda galega.
  • Os álbumes de fotos da edición, dispoñibles na plataforma Flickr acadaron as 10.000 visitas

A Coruña, 3 de abril | A Academia Galega do Audiovisual clausurou a edición máis multitudinaria dos Premios Mestre Mateo, cun récord de asistentes á gala de entrega de premios celebrada no Coliseum da Coruña. Unha cita para recoñecer e celebrar o talento audiovisual galego que congregou a 2.000 persoas e na que  traballaron máis de 350 profesionais e 60 empresas auxiliares.

143.000 espectadores na televisión pública
Resulta salientable a cobertura realizada pola TVG, na que destacou a conexión en directo co anuncio de candidaturas finalistas, cun 11,6% de share, o que corrobora o interese que despertan os premios no panorama cultural de Galicia. 143.000 espectadoras e espectadores seguiron, a través da canle pública, os diferentes eventos que articularon a XXII edición dos Mestre Mateo: o anuncio de finalistas, a xuntanza de finalistas, a retransmisión de alfombra vermella e a gala de entrega de premios.

A emisión en directo da entrega de premios por TVG conquistou a 24.000 espectadores, cun 4,4% de share. Un espectáculo ao que asistiron  67 profesionais da comunicación acreditados, tanto de medios de comunicación tradicionais, como de prensa dixital e novos medios o que supón un incremento dun 48% con respecto á edición de 2023.  

O deseñador Hugo López e Lidia Veiga na alfombra vermella dos premios.
Fotografía: AGA / Miguel Lamas

Un escaparate para a moda galega actual

O programa especial desde a alfombra vermella emitido antes da gala congregou a máis de 33.000 espectadores, nun espazo onde a moda galega foi outra das grandes protagonistas da noite. Por unha banda, cómpre destacar a aposta polo talento emerxente no vestiario da gala con Lucía Cabezas, Laura Salgado, Néstor Caamaño e Laura Villar vestindo a Lidia Veiga e Miguel Canalejo, mentres que Lucía Janeiro foi a encargada de vestir a Fillas de Cassandra. Por outra, a presenza das máis heteroxéneas creacións de deseñadores galegos que desfilaron pola alfombra vermella, como Bouret (responsables do estilismo de Estíbaliz Veiga); De los Aires (que vestiron a Alba Mancebo, María Mera e Marta Doviro); Franco Quintáns (deseñador dos atuendos de Diana Nogueira, Raquel Atanes e Cristina Maró); Tul Novias (a marca escollida por Eva Iglesias); Hugo López e Alberto Batres (deseñadores dos estilismos cos que Lidia Veiga e Miguel Canalejo pasaron polo photocall de finalistas); AO Studio 01 (que vestiron a Cris Iglesias) ou Adolfo Domínguez (deseñador do atuendo de Xurxo Carreño).


O seguemento a través das redes sociais
A comunicación en redes supuxo, un ano máis, un incremento da visibilidade e alcance dos premios, pola súa capacidade para conectar co público, destacando a expectación xerada polo anuncio de finalistas e a gala de entrega de premios. Os álbumes de fotos da edición, dispoñibles na plataforma Flickr acadaron as 10.000 visitas. Cómpre salientar tamén a repercusión das publicacións da gala de entrega de premios no perfil de Instagram da Academia, que acadaron a cifra de 460.000 impresións entre unha audiencia maioritariamente galega, con Madrid, Barcelona e Oviedo liderando as cidades do resto do Estado desde onde se seguiron as publicacións dos premios. 


A XXII edición dos Premios Mestre Mateo é posible grazas ao apoio de Bico de Xeado e Estrella Galicia, patrocinadores oficiais, e o das seguintes institucións: a Axencia Galega das Industrias Culturais – AGADIC, Concello da Coruña, Deputación da Coruña e a Compañía de Radio Televisión de Galicia – CRTVG.

Fotografía de portada: AGA / Aigi Boga