Skip to main content

Esta mañá anunciouse que Margarita Ledo é a persoa receptora do XX Premio de Honra que outorga a Academia Galega do Audiovisual, no marco dunha recepción institucional por parte de Román Rodríguez, Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade e Jacobo Sutil, director da AGADIC, a unha representación da xunta directiva da Academia Galega do Audiovisual integrada polo presidente Álvaro Pérez Becerra, a vicepresidenta Sonia Méndez e as vogais  Ana Míguez e Carmen Méndez.

O premio de honra Fernando Rey é un galardón co que, como lembrou Carmen Méndez, “se recoñece a traxectoria sobranceira de compañeiros e compañeiras cunha especial relevancia para o noso sector” e recae, nesta edición, en Margarita Ledo.

A Academia premia así “unha traxectoria comprometida coa reflexión, a creación, o feminismo e a nosa lingua” desta cineasta, xornalista, investigadora, poeta e escritora lucense, quen recollerá o Premio de Honra Fernando Rey na gala dos XX Premios Mestre Mateo, que se celebrará o vindeiro sábado 19 de marzo en Expocoruña.

O Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade louvou a figura da premiada, ao tempo que parabenizou á Academia por esta iniciativa e definiu o momento que está a vivir o audiovisual como “francamente positivo”, recoñecendo o traballo da “cadea de valor do sector” por facelo posible.

Na mesma liña, o presidente da Academia, Álvaro Pérez Becerra, quixo lembrar ás académicas e académicos que ideraon os Mestre Mateo hai vinte anos: “é posible que soñaran con que o sector celebraría o vixésimo aniversario dos premios convertido na referencia industrial e creativa que somos hoxe”. Para engadir que “iso é posible grazas ao talento dos profesionais e o apoi das institucións”.

A Academia Galega do Audiovisual decidiu homenaxear co Premio de Honra á profesora e catedrática de Ciencias da Comunicación e Publicidade  “Por ser unha figura de referencia no eido da cultura como xornalista, investigadora, poeta e escritora. Por impulsar a creación da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e  alumear as vocacións de varias xeracións de galegas e galegos desde o seu posto como profesora catedrática de Comunicación Audiovisual e Publicidade. Por contribuír á posta en marcha de iniciativas tan necesarias como NUMAX ou o Grupo de Estudios Audiovisuais. Por recuperar voces e relatos da nosa historia recente a través das súas películas, desde unha posición independente e reivindicativa”.

Margarita Ledo volve subirse ao escenario da gala dos Mestre Mateo como xa fixera na pasada edición dos premios, cando recolleu o galardón ao Mellor Documental por Nación.