Skip to main content

Falar de Margarita Ledo é falar de independencia, de compromiso e dunha traxectoria de referencia no audiovisual e a cultura. A Academia Galega do Audiovisual decidiu homenaxeala co Premio de Honra Fernando Rey de 2022, un premio que se suma a outros recoñecementos como o  Premio Nacional da Cultura Galega (2008), o Premio Otero Pedrayo (2017), a homenaxe a toda unha vida de investigación en comunicación da Asociación Española de Investigación da Comunicación no VII Congreso Internacional da AE-IC, o Premio do Festival de Cine Europeo de Sevilla pola dirección de Nación (2020) ou o Mestre Mateo ao Mellor documental pola mesma película.

A Academia quixo recoñecerlle fitos como “ impulsar a creación da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e  alumear as vocacións de varias xeracións de galegas e galegos desde o seu posto como profesora catedrática de Comunicación Audiovisual e Publicidade. Por contribuír á posta en marcha de iniciativas tan necesarias como NUMAX ou o Grupo de Estudios Audiovisuais”.

Repasamos con ela unha traxectoria “comprometida coa reflexión, a creación, o feminismo e a nosa lingua” que nace no fogar dos Ledo Andión, en Castro de Rei.

Que se sinte ao recibir un premio a toda unha traxectoria?
Sinto ese desasosego elemental de algo que desexas e que non sabes como celebrar. Un premio talvez sexa cousa do azar, pero unha traxectoria ten tantas resonancias biográficas, intelectuais e emocionais que con elas construiría un memorial.

Xornalista, cineasta, investigadora, poeta, escritora… se tiveras que elixir só un deses ámbitos con cal te quedarías e por que?
Anque non o pareza están, coma as cereixas, engarzados. Todos eses ámbitos lévanme cara a fóra, cara as diferentes culturas, as outras persoas, os lugares sen transitar. Mesmo na poesía hai sempre ese rastro carnal, de algo que sucedeu.

De onde ven a túa paixón polo cinema?
Do enigma da escuridade que se ilumina e abres os ollos ate non poder máis nas sesións ambulantes na casa do correo, en Castro de Rei, cando era pequena. De escoitar carraspear a Ánxel Fole no Central Cinema durante o bachalerato en Lugo. Das tardes de verán, coas miñas curmáns, no Equitativa d’A Coruña. E dos primeiros filmes de “arte e ensaio” no Cine Yago de Compostela coa miña amiga Olga. Todos estes espazos, que representan momentos felices, desapareceron.

Varios membros da túa familia tamén se adican profesionalmente ao cinema. Como se forneceron esas vocacións no fogar dos Ledo Andión?
Por osmose, supoño. Porque a un dos meus irmaos os reises trouxéronlle un proxector de xoguete, cecais. Polas fotos de grupo que nos sacaba o tio Quique facéndonos posar. E por partillar a idea de que facer cinema é intervir, ocupar o espazo público sen pedir permiso, darlle rostro ao velado. Coido que unha influencia decisiva foron as filmacións militantes de Carlos Varela.

“Facer cinema é intervir, ocupar o espazo público sen pedir permiso, darlle rostro ao velado”. Margarita Ledo, premio de honra Fernando Rey 2022

Eres considerada unha figura de referencia para numerosas xeracións de profesionais do sector desde o teu traballo na Facultade de Ciencias da Comunicación. Que balance fas da túa traxectoria na facultade desde a súa posta en marcha ata a actualidade? 
Conseguir darlle corpo a aquela frase “teórica con mans” coa que Emilio Prado me definiu nunha homenaxe da Asociación española de investigación da comunicación ou manter como obxectivo o vínculo entre formación, sector profesional e institucións públicas. E incorporar un xiro nese marco invisíbel, o da Diversidade, para que se concrete en dereitos, recursos e posibilidades de futuro.

Polo teu compromiso feminista eres tamén unha referencia para moitas mulleres do sector de xeracións recentes, como Jaione Camborda, Sonia Méndez, Nati Juncal ou Paula Cons, a quen dedicaches en 2021 o premio Mestre Mateo colleitado polo documental Nación. Que valoración fas do traballo das profesionais do audiovisual galego?
Son autoras con propostas persoais e rexistros diferentes que foron labrando o seu lugar en moitos dos oficios máis masculinizados do cinema. Dende o experimental ate o drama convencional, do filme pequeno á produción estándar, todas as variacións tecen unha tea resistente e fermosa que vai seguir medrando. Admíroas e quérolles.

Na túa intervención ao recoller o premio citas a Eva Veiga ao principio de Nación “para fender os veos da realidade que somete á muller desde a noite dos tempos”. Que papel consideras que debe xogar a mirada feminista na creación cinematográfica?
Eva Veiga para min é un talismán. Digo esa frase a partir dos últimos dous versos que di Eva a comén de Nación: …apagando a escuridade dos meus dedos. Canto á mirada feminista, un dos aspectos que me conmove é a creación dun ligame entre visión e tacto. Por exemplo, esa cámara que acubilla e protexe, que non é voyeur, que resgata o corpo do seu estatuto de obxecto para traer a muller para o centro do cadro, a súa experiencia e as súas querenzas. É unha mirada que libera de tipos e estereotipos.

“Canto á mirada feminista, un dos aspectos que me conmove é a creación dun ligame entre visión e tacto (…) É unha mirada que libera de tipos e estereotipos”. Margarita Ledo, premio de honra Fernando Rey.

Podes contarnos algo dos proxectos nos que esteas a traballar nestes momentos?
Soamente o nome: Prefiro condenarme.

 

Fotografías: Aigi Boga