Despois dun ano de parón pola crise sanitaria, hoxe tivo lugar o tradicional encontro de finalistas dos Premios Mestre Mateo. Unha cita que se celebrou no Nordés Club Empresarial da Coruña, e na que as e os profesionais finalistas da presente edición dos premios estiveron acompañados por representantes dalgunhas das entidades patrocinadoras e colaboradoras, como Juan Ignacio Borrego do Concello da Coruña, Jacobo Sutil, director da AGADIC e Xurxo Couto, deputado de cultura da Deputación da Coruña.
Durante o acto entregáronse tres galardóns que, en palabras de Óscar Cruz, membro da xunta directiva da Academia Galega do Audiovisual, recoñecen alén das cualidades técnicas e artísticas, “outras que tamén son intrínsecas ao noso sector e van máis aló do que coñecemos por audiovisual” .
Juan de la Pedraja entregou o Premio ABANCA ao impulso da sostibilidade ao documental O Gran Camiño, “por tratar o coidado do noso planeta desde unha perspectiva global, destacando os recursos e valores da contorna natural, patrimonial, paisaxística e ambiental a través dun relato de aventuras que acaba revelándonos partes esenciais da natureza do ser humano”.
O premio foi recollido por Alba Prol e Raúl García, directores do filme.
Pedro González foi o encargado de entregar o Premio Deleite á promoción da lingua a #DigochoEu “polo imparable crecemento dunha iniciativa que naceu dun formato audiovisual e que ten entre os seus obxectivos aumentar e perfeccionar o emprego oral do galego”.
O galardón foi recollido por Esther Estévez, conductora do proxecto.
O Premio Galicia Calidade á proxección exterior foi entregado pola xerente da institución, Ana Méndez ao videoclip da canción de Tanxugueiras Figa, da produtora Trece Amarillo. O galardón recoñece “o seu compromiso coa tradición e a sua contribución a proxección internacional da nosa cultura a través da música e o audiovisual como linguaxes universais”.
Diego Muñoz Barcia e Diego Santaclara Ferradás, da produtora Trece Amarillo, foron os encargados de recoller o trofeo.
O acto rematou coa tradicional foto de familia e un cóctel ofrecido por cortesía de Galicia Calidade.
As gañadoras da vixésima edición dos Mestre Mateo daranse a coñecer o vindeiro 19 de marzo, na gala de entrega de premios que se celebrará no recinto de Expocoruña e será emitida en directo por Televisión de Galicia.