A Coruña, 21 de marzo de 2024 | Lucía Cabezas, Laura Salgado, Néstor Caamaño e Laura Villar vestirán ás nosas presentadoras Lidia Veiga e Miguel Canalejo, mentres que Lucía Janeiro será a encargada de vestir ás Fillas de Cassandra.
Estudantes ou recén graduadas da EASD Mestre Mateo, estas novas deseñadoras despregarán o seu talento no vestiario da gala. Elas son Lucía Cabezas, Laura Salgado, Néstor Caamaño, Laura Villar e Lucía Janeiro:
Lucía Cabezas, fundadora de Zäsai, vén de finalizar os seus estudos de Deseño de Moda na EASD Mestre Mateo e presentar a súa última colección na gala Despunte 2024. Na actualidade, realiza un Ciclo Superior de Patronaxe e Moda.
Laura Salgado (Pontevedra) deixou a filoloxía inglesa para dedicarse á súa vocación: actualmente cursa o último curso de deseño de moda na EASD Mestre Mateo. Recentemente participou como organizadora e deseñadora no evento Lapse Fashion Show, que se celebrou o pasado febreiro na Coruña.
Néstor Caamaño comezou aos 16 anos os estudos superiores de moda na escola Formarte, convertíndose así no alumno máis novo en matricularse na escola. Nestes 4 anos as súas coleccións resultaron finalistas na especialidade de deseño de moda do certame Xuventude Crea, tamén apareceron no video das xornadas gastronómicas do Concello da Coruña e as súas prendas foron publicadas nunha editorial para Vanity Teen. Recentemente graduado, na actualidade desenvolve a marca Rotsen Spain na que traballa man a man con Óscar Enes Morales.
Desde moi pequena, Laura Villar atopou no deseño de moda unha forma de expresar a súa creatividade e honrar as súas raíces. Co paso do tempo esa fascinación convértese nun firme propósito: os seus deseños resultan nunha manifestación tanxible da beleza e tradición galegas.
Lucía Janeiro (Forcarei) estudou deseño de Moda na EASD Mestre Mateo de Santiago de Compostela. Durante eses anos centrouse en aprender patronaxe e deseño aplicable a propostas axénero e a temas de sostibilidade e consumo responsable. Actualmente fai pequenos proxectos de deseño e estilismo e busca seguir aprendendo e crecendo no mundo da moda.