Skip to main content

Hoxe tivo lugar en Allariz a xuntanza de finalistas dos XXI Mestre Mateo, a antesala da gala de entrega de premios que se celebrará en Ourense o vindeiro 11 de marzo. 

No acto estiveron presentes María Cristina Cid, alcaldesa e María López, concelleira de promoción económica do concello de Allariz; Jacobo Sutil, director da AGADIC; Patricia Torres, deputada de cultura e proxectos audiovisuais da Deputación de Ourense; Susan Ramos, secretaria da Ourense Film Commission; Emma González, xerente de INORDE e Juan M. Casares Gándara, presidente do Consello Regulador da D. O Ribeiro.

A xunta directiva da Academia Galega do Audiovisual estivo representada polo seu presidente, Álvaro Pérez Becerra, a tesoureira Carmen Méndez e a secretaria Saamira Ganay, que foron os ecargados de dar a benvida ás finalistas da no hotel Oca Vila de Allariz, para despois acompañalas nunha visita guiada por algúns dos lugares máis emblemáticos do Concello.

De regreso ao hotel, despois dun brinde con viño da D.O Ribeiro, os asistentes desfrutaron dun menú degustación a cargo de Cociña Ourense antes de que foran anunciados os premios especiais da XXI edición dos Mestre Mateo, que recaeron nas longametraxes O corpo aberto, Valentina e O home e o can; a serie Rapa e a curtametraxe La entrega.

Sergio Martinez-Aoiz, Xerente de Marketing de ABANCA foi a persoa encargada de entregar o Premio ABANCA ao impulso da sostibilidade á longametraxe O corpo abertopor ter presente durante as etapas de desenvolvemento e produción o impacto ambiental desde os diversos procesos que rodearon ao filme, incorporando ao equipo un asesoramento especializado en sostibilidade, convertíndoo nunha produción de referencia.”

Marcial Gende anunciou o Premio Deleite á promoción da lingua para o filme Valentina: “por apostar pola versión orixinal en galego nunha ilusionante historia dirixida a público infantil, enriquecendo a oferta audiovisual na nosa lingua para os máis pequenos da casa.”

A Xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, entregou o Premio Galicia Calidade á promoción exterior, que recaeu na serie Rapa: “unha produción que revelou a milleiros de espectadoras e espectadores as espectaculares paisaxes das Rías Altas, ao tempo que resultou premiada, recoñecida pola crítica e adorada polo público.” 

Marta Díaz, responsable de marketing de Cafés Candelas anunciou o Premio Cafés Candelas á produción máis inspiradora para La entrega: “unha curtametraxe que pon o foco na urxencia de loitar contra o aillamento e a incomunicación revelando a importancia e o poder transformador dos pequenos xestos cotiás.

A entrega dos premios especiais  finalizou con Patricia Torres, Deputada de Cultura e Audiovisual da Deputación de Ourense dando a coñecer a gañadora do Premio Ourense Film Commission, O home e o can, “por filmar a diversa riqueza da paisaxe ourensán como marco para a súa trama na que fai unha chamada sobre o valeirado humán do territorio e a soedade dos nosos maiores, con imaxes substanciadas en lugares carismáticos da cidade de Ourense, na industrial de San Cibrán das Viñas, nas montañas de Manzaneda e tamén no medio rural cunha aldea de San Cristovo de Cea.”

O acto continuou coa tradicional fotografía de familia. Como novidade da presente edición, as finalistas recibiron unha bolsa de agasallos que contiña:

  • Unha botella de aceite de oliva virxe extra Colleita Propia, de Aceites Abril.
  • Unha botella de viño Ribeiro Vía da Prata, por cortesía de Inorde.
  • Un frasco de Cuevas Marrón Glacé.
  • Unha botella de vinagre Albarro e unha tarxeta de desconto na tenda online de Xadigal.
  • Unha bolsa de patacas fritidas Guays.
  • Un paseo en eco-barco, por cortesía de Caldaria.
  • Un vale de xeado artesán de La Central Heladera. 
  • Un paquete de ecolóxico de Cafés Candelas.
  • Un libro con fotografías editado pola Deputación de Ourense.

A XXI edición dos Premios Mestre Mateo é posible grazas ao apoio de Cafés Candelas e Estrella Galicia, patrocinadores oficiais, e o das seguintes institucións: a Axencia Galega das Industrias Culturais – AGADIC, Concello de Ourense, Deputación de Ourense e a Compañía de Radio Televisión de Galicia – CRTVG.