Skip to main content

Tito Asorey será o director da Gala dos XIX Premios Mestre Mateo, un espectáculo que se celebra nun momento de incerteza debido á situación sanitaria derivada da Covid-19 “como as medidas están a cambiar considerablemente dependendo da evolución da pandemia, temos que estar preparados para calquera panorama. O que si temos claro é que a Gala se vai realizar, e que vai ser televisada. Evidentemente, será moi diferente das Galas anteriores, dado que non vai poder ser unha noite de reencontro físico de toda a profesión”. 

“A Gala será moi diferente das Galas anteriores, dado que non vai poder ser unha noite de reencontro físico de toda a profesión”

Tito Asorey, director da Gala dos XIX Premios Mestre Mateo

Asumiu o encargo da Academia Galega do Audiovisual con “agradecemento” e “vertixe” e, nas circunstancias que estamos a vivir, considérao “unha aventura moi estimulante e divertida. Ata o de agora sempre desbotara a idea de dirixir algunha outra Gala que me tiñan ofrecido, pero este ano, tan estraño e tan duro, agradecín a oportunidade que se me brindou de construír esta celebración do audiovisual galego”.

A traxectoria deste actor e director teatral ourensán asociado da Academia, é de sobra coñecida para o público galego. En televisión interpretou personaxes tan populares como o avogado Pedro Ventura en Fariña, Luis Soler en Servir y Proteger ou Hugo Aradas en Serramoura. En teatro, participou en montaxes como Macbeth, dirixida por Helena Pimenta, Ubú Rei, dirixida por Suso Díaz e Don Hamlet e A Esmorga, dirixidas por Ánxeles Cuña. Por esta última foi recoñecido cun Premio María Casares como Mellor Actor Secundario. Como director teatral os seus espectáculos tamén resultaron gañadores nos María Casares, os premios Buero de Teatro Joven e finalistas dos MAX e os Premios da Asociación de Directores de Escena de España. 

“Este ano, tan estraño e tan duro, agradecín a oportunidade que se me brindou de construír esta celebración do audiovisual galego”

Tito Asorey, director da Gala dos XIX Premios Mestre Mateo

Considera difícil cinguirse a unha etiqueta “depende do momento. Hai momentos nos que me sinto máis un director que actúa, e outros, un actor que dirixe. Creo que non podería quedarme cun só aspecto do meu oficio, porque os vexo como vasos comunicantes. Aprendín moito de interpretación dirixindo, e aprendín moito de dirección actuando, así que non deixan de ser dúas caras da mesma moeda. Podería dicir que onde máis me divirto é rodando como actor, pero onde máis me sinto realizado é vendo un espectáculo que tivera dirixido, sentado entre os espectadores”. Durante a nosa conversa pedímoslle que se defina con tres palabras: “sería-moi-complicado”.

Asorey asistiu por vez primeira á Gala dos Premios Mestre Mateo en 2015, como membro do elenco da serie Serramoura. Considera que a función dos premios é “darlle visibilidade ao sector, de xeito que toda a sociedade galega poida ver, a través das pantallas da nosa televisión pública, a forza do noso audiovisual, que nos últimos anos está tendo un despegue importantísimo máis aló das nosas fronteiras, cun amplo recoñecemento tanto a nivel nacional como mundial”. Non lle dá tanta importancia a quen gañe ou deixe de gañar, máis ben á súa función “ para a promoción do noso sector e da nosa industria”. 

Como director da Gala ten clara a idea que vai vertebrar o espectáculo que acollerá o Teatro Colón da Coruña o vindeiro 27 de febreiro “que sexa unha festa, unha celebración do noso audiovisual, aportar optimismo e que nos sintamos conscientes e orgullosos do noso. Toda esta mensaxe debe ser parte dun dispositivo escénico no que prime o humor, a retranca e a música. Facer unha festa na que a xente, tanto espectadores como creadores, poidan sentirse parte do mesmo barco”.