Skip to main content

A Academia Galega do Audiovisual concede este ano o Premio de Honra Fernando Rey á asesora lingüística e tradutora Rosa Moledo, en recoñecemento a unha traxectoria profesional de máis de trinta anos vencellada ao audiovisual galego, caracterizada polo rigor lingüístico, o compromiso coa lingua e unha achega fundamental á calidade das producións de cine, televisión e plataformas audiovisuais.

A Academia salientou o labor constante, rigoroso e profundamente comprometido de Rosa Moledo, unha traxectoria que contribuíu de maneira decisiva á dignificación do galego e á súa presenza nos ámbitos cultural e audiovisual. A súa ampla experiencia en cine, televisión e teatro exemplifica un compromiso firme coa lingua e coa cultura do país, que constitúe un legado imprescindible para as xeracións presentes e futuras.

O anuncio realizouse esta mañá na Sala Eisenman da Cidade da Cultura de Galicia, nun acto que contou coa participación de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Lucía Veiga, presidenta da Academia Galega do Audiovisual; e Carmen Méndez, vicepresidenta da Academia.

Rosa Moledo é especialista en tradución audiovisual e asesoramento lingüístico. Ao longo da súa carreira participou na tradución e adaptación lingüística de numerosas obras audiovisuais para cinema, televisión e plataformas, entre as que se atopan títulos como A lingua das bolboretas, Os luns ao sol, O lapis do carpinteiro, Cela 211, Engurras, Os Fenómenos, O noso último verán en Escocia, Lupin ou Beauty, entre moitos outros.

Desenvolveu tamén unha ampla labor como asesora e supervisora lingüística en sesións de dobraxe e en rodaxes de ficción e programas de entretemento, participando en proxectos como Mareas Vivas, 4º sen ascensor, A familia Pita, Fariña, O caso Asunta, Rondallas ou Con perdón. Desde o ano 2017 é asesora lingüística do Centro Dramático Galego, onde tamén coordina e revisa os textos das producións para a súa publicación.

No ámbito das artes escénicas, realizou labores de asesoramento lingüístico e revisión de textos en montaxes como Poeta en Nova York de Teatro Baixo da Area, Os nenos da varíola de Pérez & Fernández e As que limpan de A Panadería, da que tamén realizou a tradución ao castelán. Así mesmo, impartiu diversos talleres e obradoiros relacionados coa lingua e a interpretación, como A palabra en acción —xunto a Vicente Fuentes— ou As cancelas do falar, organizados polo Centro Dramático Galego, así como un obradoiro de competencia lingüística promovido pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia.

O Premio de Honra Fernando Rey distingue a traxectoria de profesionais cunha especial relevancia para o sector audiovisual galego. O galardón será entregado o vindeiro 21 de marzo no Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo, durante a gala dos XXIV Premios Mestre Mateo.