- Nesta edición rexistramos un récord de participación, con 194 obras inscritas.
- Os premios certifican a boa saúde da animación galega.
- Nas categorías profesionais o 63% dos candidatos son homes e o 36% son mulleres.
Inauguramos o 2023 co inicio da primeira rolda de votacións da XXI edición dos Premios Mestre Mateo, que estará aberta ata o 30 de xaneiro ás 14:00h. 194 obras e 489 profesionais competirán este ano por obter algún dos 26 galardóns que se entregarán na gran noite do audiovisual galego.
O número de obras presentadas supón un incremento do 19,7% con respecto á pasada edición dos premios. Nelas atopamos datos positivos en relación ao uso da lingua xa que o 67,3% teñen a súa versión orixinal en galego.
Resulta tamén salientable a boa saúde da produción de animación en Galicia, despois da ausencia de candidaturas nas categorías de curtametraxe e longametraxe de animación en 2022. Se ben a categoría de curtametraxe de animación é recurrente nas sucesivas edicións dos premios (só en 2022 e 2015 non existiu no palmarés) non sucede así coas longametraxes: habería que remontarse aos XIII Premios Mestre Mateo para atopar tres longametraxes de animación entre as candidatas; en 2011 houbo dúas e en 2008 presentáronse tamén tres.
A calidade da animación producida en Galicia vese refrendada polo paso polos premios Goya das longametraxes finalistas: Valentina foi gañadora na categoría de Mellor película de animación en 2022 e Unicorn Wars é finalista na mesma categoría ese ano.
Tomando como referencia as candidaturas aos XX Mestre Mateo, este ano advertimos tamén un incremento significativo na produción de videoclips, anuncios publicitarios e documentais, sendo case un 60% máis os traballos presentados na primeira categoría, un 47,3% na segunda e un 17,8% na terceira.
Sete películas, unha menos que na pasada edición, competirán por alzarse co trofeo a Mellor longametraxe. Agás A mazá de ouro, dirixida por Jaime Chávarri, todas están dirixidas por académicas e académicos: Código Emperador, do último gañador do Mestre Mateo á mellor dirección, Jorge Coira; El Tirabeque, de Darío Autrán, quen tamén é autor do guión, produtor e protagonista do filme; Live is Life, de Dani de la Torre; O corpo aberto, de Ángeles Huerta; O home e o can, de Ángel de la Cruz; e Sofía Casanova, a obreira do pensamento, de Zaza Ceballos (co-dirixida con Noelia Muíño).
Entre as candidatas a mellor serie de TV atopamos catro, tamén unha menos que na pasada edición: dúas producións emitidas por TVG, A lei de Santos e Saudade de ti; e outras dúas emitidas por plataformas de streaming: Operación Marea Negra, de Amazon Prime Video e Rapa, de Movistar +. Seguindo coa ficción seriada, once proxectos, tres menos que o ano pasado, compiten na categoría de Mellor serie web.
Observamos un leve incremento na produción de curtametraxes e programas, cunha obra máis, en cadansúa categoría, que as presentadas na vixésima edicion dos premios: 30 curtas de ficción e 33 programas competirán por alzarse cun trofeo na gala de entrega de premios.
Este é o balance de candidaturas en relación ás dúas edicións anteriores dos Mestre Mateo:
Categoría |
Ano | ||
2023 | 2022 | 2021 | |
Anuncio publicitario | 28 | 19 | 28 |
Curtametraxe de ficción | 30 | 29 | 24 |
Curtametraxe de animación | 3 | 5 | |
Documental | 33 | 28 | 12 |
Longametraxe | 7 | 8 | 8 |
Longametraxe de animación | 2 | ||
Programa | 33 | 32 | 25 |
Serie | 4 | 5 | 7 |
Serie web | 11 | 14 | 5 |
Videoclip | 43 | 27 | 29 |
Total | 194 | 162 |
143 |
No que respecta ás candidaturas profesionais, é a de Mellor interpretación masculina de reparto a que aglutina a un maior número de profesionais candidatos, 57, seguida a certa distancia por Mellor interpretación feminina de reparto, con 37, e Mellor montaxe, con 35. Resulta destacable a diferencia entre homes e mulleres nas candidaturas das categorías de interpretación, 58,4% de actores fronte a un 41,6% de actrices.
A diferencia é aínda maior nalgunhas categorías técnicas como son realización (92,5% realizadores fronte a 7,4% realizadoras), son (9,6% mulleres fronte a 90,3% homes) e dirección, na que só hai 7 directoras candidatas (24,1%), fronte a 22 directores (75,8%).
Pola contra, hai categorías con maioría de candidaturas femininas como son maquillaxe e perruquería (86,6% mulleres fronte a 13,5% homes), vestiario (85,7% mulleres fronte a 14,2% homes) e dirección de arte (66,6% directoras de arte fronte a 33,3% directores de arte).
Hai un total de 489 inscritos nas categorías profesionais, dos cales 310 (o 63%) son homes e 179 (o 36%) son mulleres.
Neste primeiro prazo de votación, as académicas e académicos elixirán as candidaturas finalistas dos XXI Premios Mestre Mateo.
Unha vez anunciadas, abrirase un segundo prazo de votación para elixir ás gañadoras que se coñecerán na gala de entrega de premios, a gran festa do audiovisual galego, que celebraremos o 11 de marzo no Auditorio Municipal de Ourense.
Listaxe de candidaturas aos XXI Premios Mestre Mateo disponibles aquí.