- 173 producións e 493 profesionais participan na presente edición.
- O 65,3 % das obras presentadas teñen a súa versión orixinal en lingua galega
A Coruña, 8 de xaneiro de 2024 | A Academia Galega do Audiovisual pon en macha hoxe as votacións para escoller as candidaturas finalistas nos premios Mestre Mateo. Un total de 173 producións foron presentadas para participar na presente edición, o que supón un descenso de 21 traballos con respecto ao 2023.
Unha edición, a vixésimo segunda, con récord de participación nas categorías de longametraxe, programa e curtametraxe: 11 longametraxes (10 de ficción e 1 de animación), 40 programas e 45 curtametraxes (38 de ficción e 7 de animación) loitarán por alzarse cun galardón na gala de entrega de premios.
A categoría de mellor longametaxe dá conta da excelente colleita do audiovisual galego en 2023, con films recoñecidos en festivais como O Corno, coroado coa Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastian e a película de animación, O Soño da Sultana, tamén galardoado no prestixioso festival donostiarra; Matria e Sica, aclamadas na pasada Berlinale; Cando toco un animal, presente na selección oficial do Festival internacional Rizoma e do Atlántida Film Fest; Amigos hasta la muerte, que tivo a súa premiere no Festival de Málaga ou Vestida de Blanco, galardoada no Washington DC International Cinema Festival. Nesta listaxe tamén están presentes Fatum, un dos filmes máis vistos do ano en Amazon Prime, o film de ciencia ficción ¡Salta!, aclamado pola crítica, e os filmes corais 12 no camiño e Claustrofobia, que aínda teñen pendente a súa estrea en salas.
Resulta salientable a produción de curtametraxes, un 36,3% superior á edición anterior, cunha mención especial á categoría de animación, na que se presentan máis do dobre de traballos. Tamén compre destacar un incremento nun 21,2% das obras que compiten na categoría de mellor programa.
Pola contra, hai outras categorías que experimentan un descenso significativo no número de obras presentadas, como son as de anuncio publicitario (un 57,1% menos); documental (cunha diminución dun 36,3%) e videoclip (32,5% inferior).
As dúas categorías de audiovisual seriado manteñen o mesmo número de obras candidatas que na pasada dos premios: 4 series de televisión e 11 series web. Entre as primeiras mantense a tendencia apreciada na edición de 2023, coa presencia de dúas producións estreadas en Televisión de Galicia, Motel Valkirias e Saudade de ti; e outras dúas en plataformas de streaming: Os argonautas e a moeda de ouro, emitida en RTVE Play e Rapa, de Movistar +.
Este é o balance de candidaturas dos últimos tres anos:
2022 | 2023 | 2024 | |
Longametraxe | 8 | 7 | 10 |
Longametraxe Animacion | 2 | 1 | |
Serie TV | 5 | 4 | 4 |
Serie Web | 14 | 11 | 11 |
Programa | 32 | 33 | 40 |
Anuncio Publicitario | 19 | 28 | 12 |
Documental | 28 | 33 | 21 |
Curtametraxe Ficcion | 29 | 30 | 38 |
Curtametraxe Animacion | 0 | 3 | 7 |
Videoclip | 27 | 43 | 29 |
Total producións | 162 | 194 | 173 |
Hai un total de 493 inscritos nas categorías profesionais, dos cales 284 (un 57,6%) son homes e 209 (un 42,3%) son mulleres. As categorías que aglutinan o maior número de candidaturas son mellor montaxe, con 65, e mellor guión, con 63.
A diferencia entre profesionais femininas e masculinos resulta pouco relevante en categorías como interpretación, (59 actrices candidatas e 60 actores); mellor comunicador (21) ou comunicadora (23) e mellor dirección de produción (16 homes e 18 mulleres). Existen diferencias notorias na presencia de profesionais femininas nalgunhas categorías técnicas como son dirección de fotografía (9,5% mulleres fronte a 90,5% homes); realización (10 % realizadoras fronte a 90 % realizadores); son (19,2 % mulleres fronte a 90,8 % homes) e dirección, na que só hai 7 directoras candidatas (24,1%), fronte a 22 directores (75,8%).
Pola contra, na candidatura a mellor maquillaxe e perruquería, só hai un 4,5% de candidaturas masculinas, fronte a un 95,5 % de candidaturas femininas. Para rematar, cabe destacar a ausencia de candidatos na categoría de mellor vestiario así como a inexistencia de compositoras candidatas a mellor música orixinal.
Nas obras presentadas seguimos a atopar datos positivos en relación ao uso da lingua galega, un 65,3 % teñen a súa versión orixinal neste idioma, aínda que se producise unha diminución de dous puntos con respecto á edición de 2023.
Neste primeiro prazo de votación, que estará aberto ata o 31 de xaneiro ás 12:00 horas, as académicas e académicos elixirán as candidaturas finalistas dos XXII Premios Mestre Mateo. Unha vez anunciadas, abrirase un segundo prazo de votación para elixir ás gañadoras que se darán a coñecer na gala de entrega de premios.