- O filme da cineasta Ángeles Huerta, obtivo 12 galardóns, entre eles mellor longametraxe e mellor dirección.
- Esther Estévez premiada na categoría mellor comunicadora por segundo ano consecutivo.
- Nani García recolleu o Premio de Honra Fernando Rey en recoñecemento á súa prolífica traxectoria.
O corpo aberto, de Ángeles Huerta, resultou a obra máis premiada na gala dos vixésimo primeiros Mestre Mateo. A actriz Bárbara Grandío foi a mestra de cerimonias do evento, acompañada sobre o escenario do Teatro Municipal de Ourense polas intérpretes Victoria Teijeiro e Belén Constenla.
A ópera prima de ficción da directora conquistou as categorías de mellor longametraxe, dirección e guión para Ángeles Huerta, que comparte a última con Daniel D. García. As e os académicos recoñeceron cos seus votos a interpretación protagonista de Tamar Novas e a de reparto de Federico Pérez. O corpo aberto gañou tamén os premios á mellor dirección de arte para Antonio Pereira; dirección de fotografía para Gina Ferrer; dirección de produción para Tamara Soto; maquillaxe e perruquería para Raquel Fidalgo, Noé Montes e María Barreiro; mellor música orixinal para Mercedes Peón; mellor son para Diego Staub e Jordi Rossinyol e mellor vestiario para Teresa Sousa.
Rapa, que partía con 19 candidaturas finalistas, conquistou 4 galardóns: mellor serie de televisión e mellor montaxe para Jorge Coira, Gaspar Broullón, Óscar Pardo e Lucía Iglesias. Os membros da Academia recoñeceron o traballo das súas actrices cos premios a mellor interpretación feminina protagonista para Lucía Veiga e mellor interpretación de reparto para Berta Ojea.
María Casares. A muller que viviu mil vidas foi votado como mellor documental e Cinephilia, de Noveolas producciones e Telemiño, como mellor programa. Esther Estévez Casado foi galardoada por segundo ano consecutivo como mellor comunicadora.
O premio a mellor anuncio publicitario recaeu na peza As Estrellas do camiño – Miradas de Resistencia, de Kaito Estudios e Estrella Galicia. O videoclip da canción NOA, de Guadi Galego, producido por Toño Chouza, obtivo o Mestre Mateo ao mellor videoclip e, La entrega, de Pedro Díaz, o de mellor curtametraxe.
Nesta edición voltaron as categorías de animación aos Mestre Mateo, e os premios recaeron en Sandwich Cat, de David Fidalgo Omil, como mellor curtametraxe de animación e Unicorn Wars, de Alberto Vázquez, como mellor longametraxe de animación.
O resto de premiados da noite foron Jairo Iglesias a mellor realización por Catro Gatos e Delicias amargas, de Kraken Media, e Historias vageniales, de Raquel Nogueira, a mellor serie web.
Na gala, o produtor, compositor e músico Nani García recibiu o premio de honra Fernando Rey en recoñecemento á súa dilatada carreira como compositor e ó seu compromiso coa divulgación musical vinculada ao sector audiovisual.
Adrián Castiñeiras, Alba Mancebo, Arturo Fernández, Isabel Naveira, Mayka Braña, María Mera, Monti Castiñeiras, Noelia Rey, Tito Asorey e Trisha Fernández foron os encargados de anunciar ás gañadoras, nunha gala que contou coa música da cantautora Silvia Penide e a Xove Orquestra Sinfónica Ourensanía, baixo a batuta de José Luis Tielas.