Skip to main content

Esta mañá anunciamos que o músico coruñés Nani García será o receptor do XXI Premio de Honra Fernando Rey, no marco dunha recepción institucional na Cidade da Cultura, a cargo de Román Rodríguez, Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Anxo Lorenzo, secretario xeral de políticas culturais e Jacobo Sutil, director da AGADIC. Por parte da Academia estiveron presentes o presidente Álvaro Pérez Becerra e Saamira Ganay, secretaria da xunta directiva. A Academia recoñece así a dilatada carreira do compositor, e o seu compromiso coa divulgación musical vinculada ao sector audiovisual. 

O premio será entregado na gala dos Mestre Mateo, que celebraremos o vindeiro sábado 11 de marzo en Ourense. Como explicou Saamira Ganay, “cada ano, as académicas e académicos envían as súas propostas para seren valoradas pola xunta directiva da Academia que, despois de valoralas, escolle á persoa merecedora do premio de honra.” 

Jacobo Sutil destacou na súa intervención a importancia destes premios, unha “cita obrigada” da que destacou a súa importancia “na visiblidade que lle dan ao noso audiovisual”. 

O Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade tamén fixo referencia ao sector audiovisual na súa intervención, do que destacou que está a vivir “unha idade de ouro”. Román Rodríguez afirmou que Galicia conta cun “ecosistema audiovisual tremendamente dinámico e competitivo” ao que calificou como “un orgullo para Galicia e unha industria produtiva que xera moita riqueza” antes de anunciar o nome de Nani García como a persoa recoñecida co Premio de Honra Fernando Rey en 2023 e indicar os motivos da concesión do premio. 

Álvaro Pérez Becerra pechou o acto agradecendo o apoio da Xunta de Galicia e a AGADIC polo apoio ás asociacions de representación sectorial “que entendan o papel que xogamos como representantes dunha industria que vive unha idade de ouro e que hai que manter para que podamos seguir compartindo tantos éxitos durante moito máis tempo.”

Nani García (A Coruña, 1955)

Produtor, compositor e músico cunha fértil carreira como intérprete de jazz, pasou a súa etapa formativa en Suecia a finais dos anos 70. De regreso a Galicia forma parte dos grupos Jazz Parabara e Filloa Express antes de fundar Clunia no 1982, xunto con Baldo Martínez e Fernando Llorca, banda coa que obtería numerosos recoñecementos, entre eles o primeiro premio no Festival Internacional de Jazz de San Sebastián en 1987, xunto á cantante portuguesa Maria Joao.

Paralelamente á súa traxectoria como intérprete de jazz, desenvolve unha frutífera carreira como compositor: autor de bandas sonoras, obras de concerto sinfónicas e de cámara e unha ópera, conta con máis de 100 publicacións e arredor de 700 composicións repartidas en todos os ámbitos da música contemporánea. 

Entre as súas composicións máis salientables están as bandas sonoras de longametraxes como Una mujer fantástica (2016), Óscar a mellor película en lingua estranxeira, 2017; Valentina (2021), Goya á mellor película de animación en 2021; Engurras (2011) ou De profundis (2006). Tamén series como Guante Blanco (2008); Patricia Marcos Desaparecida (2007); As leis de Celavella (2003) ou Pratos combinados (1995).

Outras pezas destacables son unha composición interpretada durante a proxección do filme Un Viaje por Galicia, primeira película restaurada pola Filmoteca de Galicia – CGAI presentado na Expo 92 ou Danza (2020), unha obra comisionada polo Consello da Cultura Galega para o Día das letras galegas, sobre un poema de Ricardo Carballo Calero. 

Nani García mantén un firme compromiso coa divulgación do traballo musical vinculado ao audiovisual.Membro da Asociación de Compositores de Música para Audiovisual-Musimagen, tamén foi socio fundador da Academia Galega do Audiovisual e membro de diversas xuntas directivas, desde as cales impulsou o proxecto As músicas da Academia (recompilacións de músicas cinematográficas de diversos autores galegos) e as catro edicións da SEMUÁ-Semana das Músicas do Audiovisual, un festival co que se difundiu o traballo de compositoras e compositores de música para o audiovisual e as súas obras.