Skip to main content
  • As  finalistas daranse a coñecer mañá, mércores 10 de marzo no Teatro Colón da Coruña
  • O evento poderá ser seguido en directo nas redes sociais da Academia.

Mañá, mércores 10 de marzo a partir das 12.30 terá lugar a presentación da programación dos XIX Premios Mestre Mateo. Durante o acto, a actriz e presentadora Marta Doviro e o actor Amador Arias darán a coñecer as obras e profesionais finalistas nas 25 categorías dos premios que outorga a Academia Galega do Audiovisual.  

O anuncio terá lugar no Teatro Colón da Coruña e, debido ás restriccións provocadas pola crise sanitaria, non será aberto ao público, pero poderá ser seguido en directo a través das contas de Twitter e Instagram da Academia Galega do Audiovisual. As gañadoras daranse a coñecer na tradicional Gala de entrega de premios que se celebrará no Teatro Colón da Coruña o vindeiro sábado 10 de abril, e será retransmitida pola Televisión de Galicia. 

Marta Doviro

A actriz, presentadora e monologuista, nada en Compostela e criada na Costa da Morte, foi finalista dos Mestre Mateo en catro ocasións, na categoría de Mellor Comunicadora de televisión, polo seu traballo á fronte de A mochila do viaxeiro (2012), Máis galego (2015), Unha viaxe para contar (2019) e Malo será (2020). Tamén foi a encargada, xunto con Estíbaliz Veiga, de entregar dous premios Mestre Mateo na Gala de 2019.

Amador Arias 

O finalista na categoría de Mellor Interpretación Masculina Protagonista na última edición dos premios non ten unha profesión vinculada ao sector audiovisual. Este garda forestal da Fonsagrada presentouse a un cásting para o filme O que arde e o resto é historia. A súa interpretación de Amador, protagonista da multipremiada película de Oliver Laxe, levouno a visitar os máis prestixiosos festivais internacionais de cine e foi recoñecido co premio ao mellor actor no Festival Internacional de Cine de Tesalónica.

A Academia Galega do Audiovisual organiza os Premios Mestre Mateo grazas ao apoio das seguintes institucións: Concello da Coruña, Deputación da Coruña, a Axencia Galega das Industrias Culturais-AGADIC da Consellería de Cultura e CRTVG.