A Coruña, 7 de marzo de 2023 | A formación composta por María Soa e Sara Faro será a encargada de poñer a banda sonora á noite na que se coñecerán as gañadoras da XXII edición dos Premios Mestre Mateo. A música promete ser un dos grandes alicientes da gala que será emitida en directo pola Televisión de Galicia.
No transcurso da cerimonia Fillas de Cassandra interpretarán temas que fusionan melodías tradicionais con ritmos contemporáneos, converténdoas nun dos grupos de referencia da escena trad. A súa proposta aposta pola creación de novas líricas, con influencias de que beben da tradición oral, a electrónica ou a música clásica.
O dúo atopa inspiración na literatura da Grecia clásica e en cuestións de actualidade, ao incluir nas súas composición temáticas de corte feminista onde tratan algunhas das inquedanzas da mocidade contemporánea, sen ignorar a influencia de grandes artistas do panorama musical galego como poden ser Baiuca, Xose Lois Romero e Aliboria ou Tanxugueiras.
Fotografía: Sabela Andrés
A pesares de atoparse no seu abrente o proxecto Fillas de Cassandra ten acadados numerosos éxitos no panorama musical actual. Receptoras do VII premio ARi[t]mar á mellor música en Galicia por “II. Lisístrata (Varre Vasoira)” neste 2024 son candidatas en oito categorías do Premio MIN e xirarán co seu novo espectáculo por numerosos festivais.
Na noite do 23 de marzo, Fillas de Cassandra estarán acompañadas no escenario do Coliseum coruñés por Lidia Veiga e Miguel Canalejo, que serán os presentadores dun espectáculo ideado e dirixido pola dramaturga Noemi Rodríguez.
A XXII edición dos Premios Mestre Mateo é posible grazas ao apoio de Estrella Galicia, patrocinador oficial, e o das seguintes institucións: a Axencia Galega das Industrias Culturais – AGADIC, Concello da Coruña, Deputación da Coruña e a Compañía de Radio Televisión de Galicia – CRTVG.