Esta mañá tivo lugar unha visita institucional a Expocoruña, o recinto que acollerá en pouco máis de 24 horas a gala do vixésimo aniversario dos Premios Mestre Mateo. Nela Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Juan Ignacio Borrego, Primeiro tenente de alcaldesa e Concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá do Concello da Coruña; Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña; Xulia Campo, coordinadora de programas da Área de Contidos da TVG e Pilar López Cordal, Directora de eventos de Expocoruña, estiveron acompañados por Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia Galega do Audiovisual, quen exerceu de guía polos distintos espazos que albergarán a celebración, nos que se estaban a ultimar os preparativos cunhas cifras que dan unha idea da magnitude do evento: construción dun auditorio con capacidade para 850 persoas sentadas en 85 mesas; 150 metros cadrados de photocall, 1 quilómetro de alfombra vermella pola que desfilarán as e os finalistas da presente edición e 300.000 W de potencia eléctrica.

Pilar López Cordal de Expocoruña salientou que se trata do “evento audiovisual galego máis importante e con esta envergadura de montaxe e posicionamento” de cantos se teñen celebrado no recinto, ao tempo que destacou “a enorme proxección dos Mestre Mateo” engadindo que a montaxe realizada para celebrar o vixésimo aniversario dos premios “marcará un antes e un despois, polo ambicioso dunha proposta que puidemos levar a cabo grazas á versatilidade dun espazo como Expocoruña”.
Na mesma liña, o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra, destacou “o esforzo excepcional” feito pola asociación e polo equipo de máis de 250 persoas que están a traballar na gala, e aproveitou para agradecer ás e aos representantes das institucións patrocinadoras “o seu compormiso decidido co noso audiovisual e cos premios do noso audiovisual, os Mestre Mateo, durante estes vinte anos”.
O Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia agradeceu o convite da Academia e resaltou “o recoñecemento polo traballo feito nesta vixésima edición”, ademais de afirmar que despois de moito esforzo, “hoxe temos un audiovisual galego que é referente nacional e internacional”, mentres que Juan Ignacio Borrego, Concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá do Concello da Coruña destacou que “é un privilexio que os premios se fagan na Coruña” e que estamos ante un sector “que trascende Coruña, Galicia e incluso España”.

Xurxo Couto sumouse ao recoñecemento polo “traballo, o esforzo e a calidade do mesmo”, e por “situar ao audiovisual Galego onde realmente se merece”. Para rematar, Xulia Campo, salientou a implicación da corporación “porque a CRTVG é audiovisual”. Ademais, fixo fincapé no reto que supón a gala: “ case 100 persoas traballando para que o espectáculo chegue a todo o mundo, e que todo o mundo quede orgulloso de todo o que vai pasar mañá”.
A gala dos Mestre Mateo celebrarase mañá, sábado 19 de marzo, e será emitida en directo pola TVG a partir das 22:00 horas, precedida por un programa especial en directo desde a alfombra vermella ás 20:00 horas. Este evento é posible grazas ao apoio de Cafés Candelas, Abanca e Estrella Galicia, ademais do Concello da Coruña, Deputación da Coruña, AGADIC e CRTVG.