A XXIII edición dos Premios Mestre Mateo, celebrada en 2025, volveu ser convocatoria de referencia para celebrar o audiovisual galego, recoñecendo as mellores obras e profesionais dun ano especialmente exitoso para as producións feitas con talento galego.
Candidaturas
O 10 de xaneiro de 2025 a Academia Galega do Audiovisual poñía en marcha as votacións para escoller as candidaturas finalistas da XXIII edición dos premios.
Esta edición bateu récord de candidaturas inscritas tanto nas categorías de produción, cun total de 199 obras, como de profesionais, con 536 participantes.
A categoría de longametraxe mantén o récord do ano pasado de dez inscricións e da conta da boa saúde do audiovisual galego. Os filmes inscritos están recoñecidos por prestixiosos festivais internacionais como o Festival Internacional de Cinema de Róterdam, o Festival Internacional de Cinema de Málaga, o Festival Internacional de Cinema de San Sebastián, o Festival Internacional de Shanghái, a Seminci, Márgenes, etc.
As categorías de programa, curta de imaxe real e curta de animación bateron tamén o récord de participacións. As series de televisión manteñen a súa tendencia á alza e incrementan inscricións con respecto aos dous últimos anos, con producións estreadas na CRTVG e en plataformas como Netflix, Movistar Plus e Prime Video.
Premio de Honra Fernando Rey
O anuncio do Premio de Honra tivo lugar o 18 de febreiro nunha recepción a cargo do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, na que participaron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra e a vogal da Academia Galega do Audiovisual e tamén script, Alba Gallego.
A script Encarna Alonso foi a persoa galardoada. Encarna Alonso nace en 1955 en La Ercina (León) pero desde os anos setenta vive na Coruña. Estudou maxisterio pola súa vocación de dar clase pero traballa no audiovisual desde 1987. Aínda que entrou na industria por casualidade, o seu nome pronto se converteu nun imprescindible no oficio de script, cuxo labor é fundamental para garantir a continuidade, a coherencia e a fidelidade do relato visual e narrativo.
Xuntanza de finalistas
O 28 de febreiro de 2025 tivo lugar no Pazo da Deputación de Pontevedra a xuntanza de finalistas dos XXIII Premios Mestre Mateo.
No acto estiveron presentes Álvaro Pérez Becerra e Saamira Ganay, Presidente e Secretaria da Academia Galega do Audiovisual; o presidente e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez e Miguel Diéguez; o director de Agadic, Jacobo Sutil e as finalistas dos XXIII Premios Mestre Mateo.
A xuntanza iniciouse coa entrega dos premios especiais, que recaeron no programa Cos pés na terra e nas series Bibopalula e Clanes. Despois tivo lugar a tradicional foto de familia das finalistas.
Gala de entrega de premios
serie Rapa, dirixida por Jorge Coira e Javier Cámara, é a gran triunfadora da gala dos XXIII Premios Mestre Mateo. A serie producida por Portocabo TV e Movistar Plus e creada e escrita por Pepe Coira e Fran Araújo fíxose con once galardóns na noite do audiovisual galego. Entre eles, Mellor serie de televisión, Mellor guión para os tamén creadores da serie Pepe Coira e Fran Araújo e Mellor dirección, para Jorge Coira e Javier Cámara. A terceira temporada da serie conclúe un ciclo no que todas as súas entregas foron recoñecidas co galardón de Mellor serie.
A gala dos XXIII Premios Mestre Mateo celebrouse este ano en Lalín, por primeira vez fóra da contorna das grandes cidades grazas ao apoio do Concello de Lalín, da Deputación de Pontevedra e AGADIC – Xunta de Galicia e foi emitida en directo pola Televisión de Galicia.




