- Presentación de candidaturas
O prazo de presentación de candidaturas para as obras galegas estreadas no ano 2022 e os profesionais que traballaron nos seus departamentos técnicos e creativos, estivo aberto do 19 de setembro ata o 24 de outubro de 2022. Do 19 ao 23 de decembro as académicas e académicos puideron presentar alegacións ás candidaturas presentadas.
Na XXI edición dos premios foron presentadas 194 obras e 489 profesionais, que competían por obter algún dos 26 galardóns. O número de obras presentadas supuxo un incremento do 19,7% con respecto á vixésima edición, con datos positivos en relación ao uso da lingua, xa que o 67,3% tiveron a súa versión orixinal en galego. Resultou salientable a boa saúde da produción de animación en Galicia, despois da ausencia de candidaturas nas categorías de curtametraxe e longametraxe de animación en 2022.
Tomando como referencia as candidaturas aos XX Mestre Mateo, advertiuse un incremento significativo na produción de videoclips, anuncios publicitarios e documentais, sendo case un 60% máis os traballos presentados na primeira categoría, un 47,3% na segunda e un 17,8% na terceira. Sete películas, unha menos que na XX edición, competiron por alzarse co trofeo a Mellor longametraxe.
Entre as candidatas a mellor serie de TV presentouse unha menos que na XX edición: dúas producións emitidas por TVG, A lei de Santos e Saudade de ti; e outras dúas emitidas por plataformas de streaming: Operación Marea Negra, de Amazon Prime Video e Rapa, de Movistar +. Seguindo coa ficción seriada, once proxectos, tres menos que na edición anterior, competiron na categoría de Mellor serie web. Observouse un leve incremento na produción de curtametraxes e programas, cunha obra máis, en cadansúa categoría, que as presentadas na vixésima edicion dos premios: 30 curtas de ficción e 33 programas competiron por alzarse cun trofeo na gala de entrega de premios. No que respecta ás candidaturas profesionais, foi a de Mellor interpretación masculina de reparto a que aglutinou a un maior número de profesionais candidatos, 57, seguida a certa distancia por Mellor interpretación feminina de reparto, con 37, e Mellor montaxe, con 35.
Resultou destacable a diferencia entre homes e mulleres nas candidaturas das categorías de interpretación, 58,4% de actores fronte a un 41,6% de actrices. A diferencia foi aínda maior nalgunhas categorías técnicas como realización (92,5% realizadores fronte a 7,4% realizadoras), son (9,6% mulleres fronte a 90,3% homes) e dirección, na que só houbo 7 directoras candidatas (24,1%), fronte a 22 directores (75,8%). Pola contra, houbo categorías con maioría de candidaturas femininas como maquillaxe e perruquería (86,6% mulleres fronte a 13,5% homes), vestiario (85,7% mulleres fronte a 14,2% homes) e dirección de arte (66,6% directoras de arte fronte a 33,3% directores de arte).
Houbo un total de 489 inscritos nas categorías profesionais, dos cales 310 (o 63%) foron homes e 179 (o 36%) mulleres.
- Xuntanza de finalistas
O 25 de febreiro Allariz acolleu a xuntanza de finalistas dos XXI Mestre Mateo, a antesala da gala de entrega de premios.
No acto estiveron presentes María Cristina Cid, alcaldesa e María López, concelleira de promoción económica do concello de Allariz; Jacobo Sutil, director da AGADIC; Patricia Torres, deputada de cultura e proxectos audiovisuais da Deputación de Ourense; Susan Ramos, secretaria da Ourense Film Commission; Emma González, xerente de INORDE e Juan M. Casares Gándara, presidente do Consello Regulador da D. O Ribeiro.
A xunta directiva da Academia Galega do Audiovisual estivo representada polo seu presidente, Álvaro Pérez Becerra, a tesoureira Carmen Méndez e a secretaria Saamira Ganay, que foron os ecargados de dar a benvida ás finalistas da no hotel Oca Vila de Allariz, para despois acompañalas nunha visita guiada por algúns dos lugares máis emblemáticos do Concello.
De regreso ao hotel, despois dun brinde con viño da D.O Ribeiro, os asistentes desfrutaron dun menú degustación a cargo de Cociña Ourense antes de que foran anunciados os premios especiais da XXI edición dos Mestre Mateo, que recaeron nas longametraxes O corpo aberto, Valentina e O home e o can; a serie Rapa e a curtametraxe La entrega.
O acto rematou coa tradicional fotografía de familia. Como novidade da presente edición, as finalistas recibiron unha bolsa de agasallos por cortesía das marcas patrocinadoras e colaboradoras.
- Premio de Honra
O 1 de marzo deuse a coñecer que o músico coruñés Nani García sería o receptor do XXI Premio de Honra Fernando Rey, no marco dunha recepción institucional na Cidade da Cultura, a cargo de Román Rodríguez, Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Anxo Lorenzo, secretario xeral de políticas culturais e Jacobo Sutil, director da AGADIC. Por parte da Academia estiveron presentes o presidente Álvaro Pérez Becerra e Saamira Ganay, secretaria da xunta directiva. A Academia recoñecía así a dilatada carreira do compositor, e o seu compromiso coa divulgación musical vinculada ao sector audiovisual.
- Gala de entrega de premios
Ás 19:30 horas, hora da apertura de portas, xa se vivía ambiente de gala no Auditorio Municipal de Ourense, recinto encargado de acoller a gala de entrega de premios dos XXI Mestre Mateo, o sábado 11 de marzo de 2023.
O corpo aberto, de Ángeles Huerta, resultou a obra máis premiada nunha gala que contou coa actriz Bárbara Grandío como mestra de cerimonias, acompañada sobre o escenario polas intérpretes Victoria Teijeiro e Belén Constenla. O espectáculo foi dirixido por Noemi Chantada e Óscar Pardo, a partir dun guión de Denny Horror.
A ópera prima de ficción de Ángeles Huerta conquistou as categorías de mellor longametraxe, dirección e guión para Ángeles Huerta, que compartía a última con Daniel D. García. As e os académicos recoñeceron cos seus votos a interpretación protagonista de Tamar Novas e a de reparto de Federico Pérez. O corpo aberto gañou tamén os premios á mellor dirección de arte para Antonio Pereira; dirección de fotografía para Gina Ferrer; dirección de produción para Tamara Soto; maquillaxe e perruquería para Raquel Fidalgo, Noé Montes e María Barreiro; mellor música orixinal para Mercedes Peón; mellor son para Diego Staub e Jordi Rossinyol e mellor vestiario para Teresa Sousa.
Rapa, que partía con 19 candidaturas finalistas, conquistou 4 galardóns: mellor serie de televisión e mellor montaxe para Jorge Coira, Gaspar Broullón, Óscar Pardo e Lucía Iglesias. Os membros da Academia recoñeceron o traballo das súas actrices cos premios a mellor interpretación feminina protagonista para Lucía Veiga e mellor interpretación de reparto para Berta Ojea.
María Casares. A muller que viviu mil vidas foi votado como mellor documental e Cinephilia, de Noveolas producciones e Telemiño, como mellor programa. Esther Estévez Casado foi galardoada por segundo ano consecutivo como mellor comunicadora.
O premio a mellor anuncio publicitario recaeu na peza As Estrellas do camiño – Miradas de Resistencia, de Kaito Estudios e Estrella Galicia. O videoclip da canción NOA, de Guadi Galego, producido por Toño Chouza, obtivo o Mestre Mateo ao mellor videoclip e, La entrega, de Pedro Díaz, o de mellor curtametraxe.
Nesta edición voltaron as categorías de animación aos Mestre Mateo, e os premios recaeron en Sandwich Cat, de David Fidalgo Omil, como mellor curtametraxe de animación e Unicorn Wars, de Alberto Vázquez, como mellor longametraxe de animación. O resto de premiados da noite foron Jairo Iglesias a mellor realización por Catro Gatos e Delicias amargas, de Kraken Media, e Historias vageniales, de Raquel Nogueira, a mellor serie web.
No transcurso da gala, o produtor, compositor e músico Nani García recibiu o premio de honra Fernando Rey en recoñecemento á súa dilatada carreira como compositor e ao seu compromiso coa divulgación musical vinculada ao sector audiovisual.
Adrián Castiñeiras, Alba Mancebo, Arturo Fernández, Isabel Naveira, Mayka Braña, María Mera, Monti Castiñeiras, Noelia Rey, Tito Asorey e Trisha Fernández foron os encargados de anunciar ás gañadoras, nunha gala que contou coa música da cantautora Silvia Penide e a Xove Orquestra Sinfónica Ourensanía, baixo a batuta de José Luis Tielas.