1. Presentación de candidaturas

O proceso comezou coa apertura do prazo de presentación de candidaturas de profesionais e producións a través da web da Academia Galega do Audiovisual, cunhas bases renovadas atendendo ás demandas do sector e aos novos hábitos de consumo dos espectadores. O prazo estivo aberto do 14 de outubro ata o 5 de novembro de 2021 para obras galegas estreadas no ano 2021 e os profesionais que traballaron nos seus departamentos técnicos e creativos.

O 3 de decembro, na web da Academia, foron publicadas para a súa consulta todas as obras e profesionais inscritos e, desde o venres 17 ata o luns 27 do mesmo mes, as académicas e académicos puideron notificar se consideraban que faltaban candidaturas de obras e/ou de profesionais; así mesmo, as e os profesionais puideron retirar as súas candidaturas de non estaren conformes coas mesmas.

A listaxe definitiva de candidaturas foi publicada o 30 de decembro de 2021 e estivo conformada por 475 candidaturas profesionais e 162 de obras estreadas en 2021, entre elas: 19 anuncios publicitarios, 29 curtametraxes, 28 documentais, 8 longametraxes, 32 programas de TV, 5 series de TV, 14 series web e 27 videoclips.

Entre o 10 e o 31 de xaneiro abriuse a primeira rolda de votacións on-line, onde os socios e socias puideron visionar e votar todos os traballos dispostos por categorías, outorgando catro, tres, dous e un punto ás súas candidaturas favoritas.

2. Nova imaxe

Co gallo da celebración do vixésimo aniversario dos premios, o 3 de febreiro foron presentados o novo diseño da imaxe e a páxina web premiosmestremateo.gal na que consultar información sobre as candidaturas, bases e calendario dos XX Mestre Mateo e de edicións anteriores.

As producións con máis candidaturas finalistas foron as longametraxes Cuñados (16);  Jacinto e Malencolía (11); seguidas pola serie Hierro (8) e os filmes Eles Transportan a Morte e Tres (6).

4. Premio de Honra Fernando Rey

Un ano máis, a Academia entregou o Premio de Honra Fernando Rey recoñecendo a traxectoria de persoas cunha especial relevancia dentro do sector audiovisual. O 21 de febreiro tivo lugar unha recepción institucional por parte de Román Rodríguez, Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade e Jacobo Sutil, director da AGADIC, a unha representación da xunta directiva da Academia Galega do Audiovisual integrada polo presidente Álvaro Pérez Becerra, a vicepresidenta Sonia Méndez e as vogais  Ana Míguez e Carmen Méndez.

Durante o acto anunciouse a concesión do premio de honra da XX edición a Margarita Ledo. A Academia premiaba así “unha traxectoria comprometida coa reflexión, a creación, o feminismo e a nosa lingua” desta cineasta, xornalista, investigadora, poeta e escritora lucense.

5. Xuntanza de Finalistas

Despois dun ano de parón pola crise sanitaria, o 4 de marzo retomouse a celebración do tradicional encontro de finalistas dos Premios Mestre Mateo no Nordés Club Empresarial da Coruña, onde as e os profesionais finalistas da presente edición dos premios estiveron acompañados por representantes dalgunhas das entidades patrocinadoras e colaboradoras, como Juan Ignacio Borrego do Concello da Coruña; Jacobo Sutil, director da AGADIC; e Xurxo Couto, deputado de cultura da Deputación da Coruña.

Durante o acto entregáronse tres galardóns que, en palabras de Óscar Cruz, membro da xunta directiva da Academia Galega do Audiovisual, recoñecen alén das cualidades técnicas e artísticas, “outras que tamén son intrínsecas ao noso sector e van máis aló do que coñecemos por audiovisual”. Juan de la Pedraja entregou o Premio ABANCA ao impulso da sostibilidade ao documental O Gran Camiño; Pedro González foi o encargado de entregar o Premio Deleite á promoción da lingua a #DigochoEu; o Premio Galicia Calidade á proxección exterior foi entregado pola xerente da institución, Ana Méndez ao videoclip da canción de Tanxugueiras Figa, da produtora Trece Amarillo.

O acto rematou coa tradicional foto de familia e un cóctel para as persoas asistentes.

6. Montaxe

A montaxe dos elementos técnicos e de escenografía da Gala durou dez días, durante os que tamén tiveron lugar os ensaios co equipo artístico. Os traballos, levados a cabo por un equipo de máis de 250 persoas, foron coordinados entre o equipo de produción dos Premios, o director do evento, Manuel Cortés e o persoal de Televisión de Galicia, entidade encargada de transmitir o espectáculo en directo. Para a ocasión construíuse un auditorio con capacidade para  850 persoas sentadas en 85 mesas; montáronse 150 metros cadrados de photocall e 1 quilómetro de alfombra vermella pola que desfilaron as e os finalistas da presente edición.

7. Gala

O 19 de marzo tivo lugar a gala do vixésimo aniversario dos Mestre Mateo en ExpoCoruña, na que a serie Hierro resultou a obra máis premiada con 6 galardóns e o filme Jacinto obtivo 4 premios, entre eles o de mellor actor para Pedro Brandariz, o lembrado cómico que faleceu de xeito repentino días antes da gala e que foi homenaxeado nos discursos de varias das persoas galardoadas.
O último premio da noite, o de mellor longametraxe, foi parar a Tres, que tamén gañou os Mestre Mateo a Mellor actriz protagonista para Marta Nieto e Mellor son para Daniel Fontrodona, Oriol Tarragó, Marc Bech e Marc Orts.

A Virxe Roxa foi votado polas académicas e académicos como mellor documental e #DígochoEu, de CRTVG,  como mellor programa. Este último tamén recibiu o galardón a mellor comunicadora para Esther Estévez Casado. Redes Vivas, de Metronoventa Creatividad e Producción Publicitaria, foi distinguido co premio a mellor anuncio publicitario. O videoclip da canción Figa, de Tanxugueiras, producido por Playplan e Trece Amarillo, obtivo o Mestre Mateo ao mellor videoclip e, Augas abisais, de Rebordelos, o de mellor curtametraxe.

Hierro, que partía con 8 candidaturas finalistas, conquistou o galardón á mellor serie de televisión; mellor dirección para Jorge Coira; mellor guión para Pepe Coira, Fran Araújo, Araceli Gonda, Lidia Fraga e Eligio R. Montero; mellor montaxe para Jorge Coira, Gaspar Broullón e Juan Galiñanes; mellor música orixinal para Elba Fernández e Xavi Font e mellor dirección de produción para Ana Míguez. Jacinto fíxose con 4 galardóns dos 11 aos que optaba: mellor dirección de arte para Samuel Lema, interpretación masculina protagonista para Pedro Brandariz, maquillaxe e perruquería e vestiario, para Lorena Calvo. Malencolía, de Alfonso Zarauza, fíxose con dous galardóns para os seus actores de reparto: Diego Anido e Iolanda Muíños. O resto de premiados da noite foron Jairo Iglesias a mellor realización por Origen; Lucía C. Pan a mellor dirección de fotografía por ¿Qué hicimos mal?, e Mataría Microserie, de Dinamo Producións e Javi Sega Producciones, como mellor serie web.

No transcurso da gala, Margarita Ledo recibiu o premio de honra Fernando Rey de mans de Sonia Méndez, acompañada por dez mulleres representantes de diversas xeracións de profesionais galegas do sector audiovisual.

Javier Veiga, Iolanda Muíños, Lucía Veiga, Alba Mancebo, Chechu Salgado, Isabel Blanco, Moncho Lemos, Alfonso Agra, Mela Casal, Santi Prego e Blanca Cendán foron os encargados de anunciar as gañadoras, nunha gala que contou coa música do Coro Sisters in the House.

Galería:

Patrocinadores oficiais:

Patrocinadores:

Colaboradores:

Entidades patrocinadoras: