A XVIII edición dos Premios Mestre Mateo celebrouse en 2020, recoñecendo o mellor da colleita do audiovisual galego. Ademais de premiar a excelencia nas producións do ano, a Academia aproveitaba, un ano máis, os Mestre Mateo para recoñecer a traxectoria de entidades e profesionais relevantes do audiovisual en Galicia co Premio de Honra Fernando Rey e o Premio Especial José Sellier. Este ano as homenaxes foron para José María Rodríguez Armada, Chema, proxeccionista do CGAI e o Festival Infantil Olloboi.

1. Presentación de candidaturas

A apertura do prazo de presentación de candidaturas de profesionais e producións marcaba o inicio dun proceso de selección que contou con dúas roldas de votación: a primeira para escoller as obras finalistas e a segunda para decidir as gañadoras en cada una das vintecinco categorías. O prazo estivo aberto do 3 ata o 25 de outubro para obras galegas estreadas no ano 2019 e os profesionais que traballaron nos seus distintos aspectos técnicos e creativos.

Unha vez recibidas tódalas producións, a Academia constituíu a comisión encargada de revisar e avaliar os proxectos e profesionais presentados en cada categoría, co fin de comprobar se cumprían cos requisitos especificados nas bases dos premios. Esta comisión estivo formada polo director Jorge Saavedra (área de dirección), o tamén director Jainer Barros (área de dirección), o director de fotografía Pablo Fontenla (área de fotografía), a directora de fotografía María Isabel Rega (área de fotografía), a produtora Carla López (área de produción), o actor Franciso Javier González (área de interpretación) e o director do festival de cine Anirmau, programador de curtas e docente Severiano Casalderrey (área de promoción) que se reuniron en tres ocasións na sede da Academia:

  • 10 de decembro. Reunión para a revisión de inscricións.
  • 19 de decembro. Repaso da información solicitada ás produtoras, aprobación da listaxe provisional de candidaturas e apertura do prazo de alegacións.
  • 13 de xaneiro. Estudio das alegacións presentadas polos asociados á listaxe provisional de candidaturas e aprobación da listaxe definitiva. Esta estivo conformada por máis de 450 candidaturas e un total de 160 obras, entre as que atopamos 5 longametraxes, 18 documentais, 4 series de televisión, 10 series web, 26 programas de televisión, 27 curtametraxes de imaxe real, 3 curtametraxes de animación, 25 anuncios publicitarios e 36 videoclips.

Entre o 20 de xaneiro e o 4 de febreiro estivo aberta a primeira rolda de votacións a través da plataforma on-line, onde os socios e socias puideron visionar e votar todos os traballos dispostos por categorías, outorgando catro, tres, dous e un punto nas vintecinco categorías.


2. Anuncio de finalistas

Unha vez rematada a primeira rolda de votacións, o 10 de febreiro, ás 12:00 horas, tivo lugar a lectura de finalistas no Teatro Colón da Coruña. No acto, a actriz Tamara Canosa e o comunicador Rodrigo Vázquez acompañaron a Álvaro Pérez, Vicepresidente da Academia no anuncio das candidaturas finalistas da XVIII edición dos Premios ante socias e socios, representantes dos medios de comunicación e outros profesionais do sector audiovisual galego.

Nesta ocasión, unha produción de televisión era a que partíacun maior número de candidaturas: a serie Hierro, cun total de 16, seguida de preto polas longametraxes Quen a ferro mata con 15 e O que arde con 12. A unha certa distancia situábanse a longametraxe Eroski Paraíso e serie A estiba. A adaptación para a pantalla cinematográfica do éxito teatral da compañía Chévere acadaba 7 candidaturas, mentres que o thriller policial da TVG obtiña 6.

3. Festa de Finalistas



A Xuntanza de Finalistas reuniu, un ano máis, aos profesionais do sector para festexar as candidaturas aos Premios e facer a tradicional foto de familia. O encontro tivo lugar o 21 de febreiro no hotel AC by Marriott da Coruña e nel interviñeron Álvaro Becerra, Sonia Méndez e Óscar Cruz en representación da directiva da Academia Galega do Audiovisual.

No transcurso do acto, Alfredo Sellier, sobriño tataraneto de José Sellier Loup fíxo a entrega do premio especial que leva o nome do seu devanceiro ao festival infantil Olloboi, que este ano celebrará a súa décima edición. O premio foi recollido polo equipo que fai posible o festival: Ana Moreiras, Javi Paz, Lolo Garrido, Petro Álvarez, Sara Hermo, Susana Diz e Yaiza Vicente quen agradeceron o galardón.

Despois realizouse a tradicional foto de familia coas persoas finalistas que deu paso a unha festa no Soho Café Coruña.


4. Montaxe

A montaxe dos elementos técnicos e de escenografía e os ensaios da Gala duraron cinco días, do luns 2 ao venres 6 de marzo, durante os que tamén se celebraron os ensaios co equipo artístico. Os traballos foron coordinados entre o persoal de Televisión de Galicia, encargados de transmitir o espectáculo en directo, o equipo de produción dos Premios e o realizador Luis Avilés, encargado da dirección da Gala.

5. A Gala

As portas do Pazo da Ópera abríronse ás 20:00 horas o sábado 7 de marzo para recibir aos primeiros finalistas convocados para as fotos de photocall. A partir de entón, e ata as 22:00 horas, hora de inicio do evento, caras coñecidas, intérpretes, representantes de producións e outros profesionais do sector, así como representantes de institucións e empresas déronse cita durante os preliminares da festa do audiovisual galego.

As gañadoras e gañadores en cada unha das vintencico cateogorías dos XVIII Premios Mestre Mateo déronse a coñecer nunha Gala presentada pola actriz Patricia Vázquez, na que a música, o circo e a danza estiveron moi presentes e que foi emitida por Televisión de Galicia, e foi seguida en directo por unha numerosa audiencia: en total 71.000 espectadores, obtendo un 9,2% de cota de pantalla.

A terceira longametraxe de Oliver Laxe O que arde, venceu en seis das doce categorías nas que optaba a premio: obtivo os premios de Mellor Longametraxe -Miramemira, 4A4, Kowalski Films e Tarántula- e Mellor Dirección para Oliver Laxe. Os académicos e académicas tamén recoñeceron a dirección de arte de Samuel Lema e Curru Garabal, o traballo na dirección de fotografía de Mauro Herce, na montaxe de Cristóbal Fernández e no son de David Machado, Amanda Villavieja, Sergio Silva e Xavi Souto.

Hierro, a serie de Portocabo, Movistar +, ArTe France e Atlantique Productions acadou catro galardóns: o premio a Mellor Serie de Televisión, ademais de Mellor Dirección de Produción para Ana Míguez, Mellor Guión para Pepe Coira, Fran Araújo, Araceli Gonda, Coral Cruz e Carlos Portela e Mellor Música Orixinal para as composicións de Elba Fernández e Xavi Font.

Quen a ferro mata, que partía como favorita con quince candidaturas, obtivo tres premios: o de Mellor Actor de Reparto para o lembrado Xan Cejudo, Mellor Actriz de Reparto para María Vázquez e Mellor Maquillaxe e Perruquería para Susana Veira e Beatriz Antelo.

Ademais de premiar a excelencia dos profesionais e producións do ano, a Academia aproveita os Mestre Mateo para recoñecer a traxectoria de profesionais relevantes do audiovisual en Galicia co Premio de Honra Fernando Rey, que este ano foi para o proxeccionista do CGAI-Filmoteca de Galicia José Maria Rodríguez Armada, Chema. Para varias xeracións de profesionais do sector, o mero título de proxeccionista quédase pequeno cando se fala de Chema, unha figura fundamental na estrutura do CGAI, onde realiza labores de restauración, conservación e divulgación do noso patrimonio audiovisual.

Beatriz Serén, Sergio Pazos, Monti Castiñeiras, Lucía Rodríguez, Sabela Arán, Adrián Díaz, Loli Gómez Oviedo, Arturo Fernández, Eva Fernández, Alfonso Zarauza, Roberto Vilar, Isabel Blanco, Santi Prego e Paula Cons foron os profesionais encargados de entregar os premios.

Unha vez rematada a Gala a festa continuou ata a madrugada no Hotel Meliá María Pita.

 

6. Premio de Honra Fernando Rey para José María Rodríguez Armada, Chema

A Academia Galega do Audiovisual decidiu homenaxear co Premio de Honra Fernando Rey de 2020 ao proxeccionista do CGAI-Filmoteca de Galicia José María Rodríguez Armada, Chema. Chegou ao CGAI como alumno en prácticas da EIS de Someso e as súas tarefas do día a día inclúen atender a profesionais, investigadores e estudantes que desexan “consultar o arquivo de imaxes históricas; tentar construir un arquivo no que se conserve a maior parte do noso patrimonio fílmico e tentar de recuperar e restaurar o que se poida cos medios que temos; e claro, dixitalizalo, nestes tempos é a palabra máxica, a dixitalización, para facilitar o acceso e a conservación”. Todo iso sen desatender as proxeccións que se levan a cabo na sala de martes a sábado.

 


7. Premio Especial José Sellier para Olloboi

A Academia Galega do Audiovisual decidiu outorgarlle ao festival de cinema escolar Olloboi o Premio Especial José Sellier. Con este premio, a Academia quere premiar ao festival boirense “por utilizar o cinema como ferramenta transversal para a educación en valores, a promoción da cultura e o idioma galegos entre a xuventude e visibilizar un compromiso ambiental e social co entorno”. A Academia salienta o esforzo levado a cabo desde Ollbotoi “por difundir o audiovisual galego entre a xuventude a través das creadoras e creadores e permitir que o talento dos nosos artistas faga canteira” e “por poñer en valor e fomentar o espíritu crítico e a visión persoal do alumnado a través do audiovisual”.

Galería:

Patrocinadores:

Colaboradores:

Agradecementos: