A XIX edición dos Premios Mestre Mateo celebrouse en 2021, un ano marcado polas restriccións impostas pola crise sanitaria. O 26 de xaneiro a Academia emitía un comunicado anunciando que se adiaban a lectura de finalistas, prevista para o 1 de febreiro e a gala de entrega de premios, prevista para o 27. Ámbolos dous eventos foron celebrados con restricións de aforo e a tradicional xuntanza de finalistas e a festa posterior á gala tiveron que ser canceladas.
1. Presentación de candidaturas
O prazo de presentación de candidaturas estivo aberto do 5 ata o o 23 de outubro para obras galegas estreadas no ano 2020 e os profesionais que traballaron nos departamentos técnicos e creativos.
O día 22 de novembro, na web da Academia estiveron dispoñibles para a súa consulta todas as obras e profesionais inscritos. Desde o 23 ata o 27 de novembro ás 14.00 horas, as socias e socios da Academia revisaron a listaxe para indicar se faltaban candidaturas de obras e/ou de profesionais; así mesmo, os profesionais puideron retirar as súas candidaturas de non estaren conformes coas mesmas.
A Academia constituíu a comisión encargada de revisar e avaliar as candidaturas presentadas en cada categoría, co fin de comprobar se cumprían cos requisitos especificados nas bases dos premios. Esta comisión estivo formada polos seguintes membros da Academia: Álvaro Pérez, Carmen Méndez e Saamira Ganay (Directiva) e o asociado Monti Castiñeiras. O 7 de xaneiro de 2020 a comisión fixo pública unha listaxe provisional de candidaturas e abriuse o prazo de alegacións. Unha vez recibidas as alegacións, a comisión de seguimento reuniuse para revisar unha por unha todas as candidaturas para, posteriormente, publicar a listaxe definitiva.
Nesta edición dos Mestre Mateo participaron 146 obras que foron estreadas en 2020 (un 10% menos que no ano anterior que foron 160). Dentro das obras presentadas nesta XIX edición houbo: 28 anuncios publicitarios, 5 curtametraxes de animación, 24 curtametraxes de imaxe real, 12 documentais, 8 longametraxes, 25 programas de TV, 7 series de TV, 5 series web e 29 videoclips. Presentáronse 424 candidaturas nas categorías profesionais das que 254 (60%) corresponderon a homes e 170 (40%) a mulleres.
Un ano máis celebráronse dúas roldas de votación, a través da plataforma on-line, onde os socios e socias puideron visionar e votar todos os traballos dispostos por categorías, outorgando catro, tres, dous e un punto ás súas candidaturas favoritas. Entre o 15 e o 25 de xaneiro estivo aberta a primeira rolda de votacións para elixir ás candidaturas finalistas e, entre o 15 de marzo e o 5 de abril, elixíronse as gañadoras.
2. Presentación XIX Premios Mestre Mateo
O 10 de marzo celebrouse no Teatro Colón da Coruña o acto de presentación da XIX edición dos Premios Mestre Mateo, onde se deron a coñecer as actividades que, durante un mes, promocionaría o talento audiovisual galego en eventos presenciais e online.
3. Lectura de Finalistas
O anuncio de candidaturas finalistas da XIX edición dos Premios Mestre Mateo tivo lugar a continuación da presentación. A partir das 12.30 a actriz e presentadora Marta Doviro e o actor Amador Arias deron a coñecer as obras e profesionais finalistas nas 25 categorías e, debido ás restriccións provocadas pola crise sanitaria, non foi un evento aberto ao público, pero puido ser seguido en directo a través das contas de Twitter e Instagram da Academia Galega do Audiovisual e da retransmisión da Televisión de Galicia.
4. #CONVERSASCANDELASMESTREMATEO
En cada edición dos premios a Academia organizou encontros presenciais entre o alumnado de escolas e facultades de audiovisual de Galicia e os profesionais dalgunhas categorías finalistas ou gañadoras. Grazas ao apoio de Cafés Candelas, este ano a Academia incrementouse o número de encontros e facilitouse o acceso aos mesmos. As #ConversasCandelasMestreMateo reuniron a representantes de todas as candidaturas finalistas en encontros en streaming, dispoñibles para calquera persoa interesada en coñecer os diferentes perfís profesionais que interveñen nunha obra audiovisual.
5. Unha gala presencial, unha aposta pola Cultura segura
Coa celebración dunha Gala presencial, a Academia quixo reivindicar a seguridade dos eventos culturais en tempos de pandemia, aplicando estritamente as directrices establecidas polas autoridades sanitarias: reducción da capacidade do teatro conforme á normativa vixente no momento da Gala, escaleta de acceso ao recinto para evitar aglomeracións, uso de máscaras e xel hidroalcólico, adaptación do espectáculo aos requerimentos sanitarios e realización de probas PCR ás persoas integrantes do equipo técnico e artístico.
Montaxe
A montaxe dos elementos técnicos e de escenografía da Gala durou catro días, do 5 ao 8 de abril, durante os que tamén se celebraron os ensaios co equipo artístico. Os traballos foron coordinados entre o persoal de Televisión de Galicia, encargados de transmitir o espectáculo en directo, o equipo de produción dos Premios e Tito Asorey, encargado da dirección da Gala.
Programa especial O recibidor dos Mestre
Outra das novidades deste ano foi a emisión por streaming dun programa especial previo á Gala presentado por Marta Doviro, quen entrevistou ás persoas asistentes: Tamar Novas, Sonia Méndez, Rodrigo Vázquez, Melania Cruz, Nera Barros, David Machado ou Marta Lado; organizou un sorteo dun cofre de productos Galicia Calidade, do que resultou gañador Simone Saibene, que tamén recollería máis tarde o premio a Mellor Programa de TV; e conversou a través de videoconferencia con asociados que non puideron estar presentes no Teatro Colón, como Carlos Roma, Marga Pazos ou Beatriz Serén.
Gala de entrega de premios XIX Mestre Mateo
O Teatro Colón da Coruña acolleu o 10 de abril de 2021 a gala dos XIX Mestre Mateo. Un evento dirixido por Tito Asorey e presentado por Lucía Veiga, que estivo acompañada no escenario do Teatro Colón por De Vacas, encargadas de poñer a música en directo.
Tamén os acompañaron sobre o escenario diversas personalidades da pequena e gran pantalla, que se encargaron de anunciar as candidaturas gañadoras: Bárbara Grandío, Diego Viaño, Esther Estévez, Iria Sobrado, Isabel Blanco, Luis Iglesia, Marta Larralde, Miguel de Lira, Pilar García Rego, Susana López, Susana Sampedro e Xosé Barato.
De xeito virtual estiveron presentes outras celebridades como Luís Zahera, Martiño Rivas, Javier Veiga, Miriam Gallego e James Rhodes, que interviñeron por videochamada durante o espectáculo. O pianista británico instalado en Madrid, foi ademáis o encargado de presentar a Luis Iglesia e Pilar García Rego, encargados de anunciar os gañadores nas categorías de mellor vestiario, videoclip, realización e interpretación feminina de reparto.
A emisión da Gala por TVG conquistou a un 11,3% de audiencia. Á salientable repercusión en medios de comunicación tradicionais houbo que engadir un incremento dun 23% nos impactos en redes con respecto á edición de 2020. O programa de actividades en streaming, obtivo máis de 7.000 visualizacións.
6. Premio de Honra Fernando Rey
A Academia Galega do Audiovisual premiou a traxectoria do actor, dramaturgo, director teatral, tradutor e docente Manuel Lourenzo co premio de honra Fernando Rey en recoñecemento á súa extensa e prolífica traxectoria e á súa ireemplazable contribución á cultura galega.
Nacido no 1943 en Ferreira do Valadouro (Lugo) desde principios dos anos sesenta desenvolveu unha intensa actividade como actor, dramaturgo, director teatral, tradutor e dinamizador de diferentes iniciativas culturais. Fundador de O Facho, Teatro Circo, Escola Dramática Galega, Compañía Luís Seoane, Elsinor Teatro e a Compañía Casahamlet, a súa vocación docente convertiuno en mestre de varias xeracións de intérpretes.
Figura referente no compromiso co teatro e a creación dramática, foron dous personaxes audiovisuais os que lle deron unha inmensa popularidade entre o público: o pescador Melgacho, na serie Mareas Vivas e Vicente Otero, Terito, na serie Fariña.