En 2016 celebrouse a XIV edición dos Premios do Audiovisual Galego “Mestre Mateo”, cuxo cumio foi a gala celebrada o 23 de abril no Pazo da Ópera de A Coruña. Celebramos novamente e recoñecemos o traballo de tódolos membros do noso sector e das obras nas que participaron.

Coma tódalas edicións, o proceso comezou coa apertura do prazo de presentación de profesionais e producións estreadas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2015. En novembro e durante os primeiros días de decembro tódalas produtoras e persoas físicas con dereitos sobre as obras inscribiron por primeira vez en rede as súas obras e profesionais das mesmas nas categorías.
Ao igual que en 2015 enviouse un listado coas obras presentadas no prazo de recepción de candidaturas aos socios e socias para que, se observaban a falta dalgunha produción a inscribisen ou nola comunicasen para poñernos en contacto coa produtora.
Unha vez recibidas tódalas producións, a Academia constituíu a comisión encargada de revisar e avaliar os proxectos e profesionais presentados en cada categoría co fin de comprobar se cumprían cos requisitos especificados nas bases dos premios. Esta estivo composta por Uxía Caride (área de promoción), Sergio Quintana (área de interpretación), Isabel Iglesias (área de produción), Isabel Rega (área de fotografía), Juan Galiñanes (área de dirección), Susana Veira (área de arte), Finocha Formoso (área de guión), Xavi Font (área de música) e David Machado (área de son).
O 14 de xaneiro de 2016 publicáronse as 159 candidaturas aceptadas das 146 produtoras participantes e un amplo abano de profesionais, un total de 518, e abriuse o prazo de alegacións onde tódolos socios e socias da Academia puideron expoñer os seus apuntes sobre as producións inscritas que concorren a unha ou varias estatuíñas nos XIV Premios Mestre Mateo.
Dende primeiro día de febreiro e ata o 9 de marzo os académicos e académicas exerceron o seu dereito a voto na primeira rolda de votacións na que se volveu a empregar a plataforma on-line que recolle tódolos traballos e profesionais dispostos por categorías para o visionado e votación, que repetiu a fórmula ponderada na que había que outorgar catro, tres, dous e un punto nas vinte cinco disciplinas.

A lectura de finalistas dos XIV Premios Mestre Mateo
Seguindo o curso dos premios, o 14 de marzo celebrouse a lectura de finalistas onde se deu a coñecer o resultado dos votos dos membros da Academia da man de Antonio Durán “Morris” (vogal da Academia e Mestre Mateo á Mellor Interpretación Masculina Protagonista dos XIII PMM) e Mabel Rivera (actriz gañadora do Mestre Mateo á Mellor Interpretación Feminina Protagonista nos XIII PMM), que acompañaron a Carlos Ares, Presidente da Academia. No acto desveláronse o nome dos nomeados ante membros da Academia e outros profesionais do sector cinematográfico e televisivo galego.
Tras este acto, detectouse un erro no reconto das votacións no momento de preparar a plataforma dixital de votación para a fase final dos Premios. A Academia solicitou ao notario unha revisión do reconto dos votos emitidos e que afectaba a trece candidaturas (Comunicador/a TV, Dirección, Guión, Interpretación feminina protagonista, Interpretación masculina de reparto, Montaxe, Música orixinal, Programa de TV, Realización, Serie TV, Vestiario, Videoclip e Anuncio publicitario).
Da maneira máis urxente a Xunta Directiva decide dar a coñecer os novos resultados das votacións e pedir desculpas a tódolos afectados de maneira persoal e lamenta profundamente a situación que este erro orixina e os prexuízos que os cambios supoñen para os artistas e as obras que foron sinaladas como finalistas como consecuencia deste erro.

Xuntanza de finalistas
A seguinte cita dos Premios tras coñecer aos nomeados foi a Xuntanza de Finalistas que un ano máis reuniu aos profesionais do sector para festexar a súa candidatura antes da gala e para facer a tradicional foto de familia. A cita tivo lugar o 15 de abril a tan só unha semana da gala, tendo os membros da Academia xa emitidos os seus votos cos gañadores da XIV edición.
A finca “El Cenador” de Cambre foi o marco elixido para que o vogal da Academia, Manolo González, entregase o premio “José Sellier” a Númax, o cinema, librería e laboratorio de produción aberto en Compostela hai pouco máis dun ano, herdeiro dos cines de arte e ensaio. A cooperativa ten unha programación con cine en versión orixinal subtitulada na que se poden ver estreas recentes de cine de pescuda.
Carlos Ares, Presidente da Academia, deu a coñecer o Premio de Honra “Fernando Rey” desta edición, que foi para o director de cine Xavier Villaverde por ser un dos pioneiros no renacer do cine en Galicia desde os anos oitenta. Tamén se anunciou que Marga Pazos e Xosé A. Touriñán conducirían a gala e que por primeira vez profesionais das actividades técnicas do audiovisual participarían na entrega dos premios.
Tanto os dous homenaxeados como os presentadores adicaron unhas palabras aos máis de 100 asistentes a este encontro de celebración da nomeación nas distintas categorías dos premios do audiovisual galego.
Como novidade nesta edición, aproveitamos o encontro para facer entrega aos presentes do seu correspondente diploma de finalista nos XIV Premios Mestre Mateo.

E CHEGOU O DÍA! GALA DOS XIV PREMIOS MESTRE MATEO
A gala estivo dirixida por Xaime Fandiño e guionizada polo propio Fandiño xunto con Ana Cermeño, Xosé A. Touriñán e a colaboración de Xosé Castro “Pato”, e presentada por Marga Pazos e Xosé A. Touriñán. A conmemoración do centenario da estrea do primeiro filme galego “Miss Leyda” e o humor para falar do sector audiovisual na actualidade foron os protagonistas desta XIV edición.
Touriñán fala cos nomeados, antes de comezar a gala pero xa en directo, para indicarlles que por favor sexan breves nos seus discursos de agradecemento.
A gala comezou en directo ás 22.05h a súa emisión en directo por Televisión de Galicia. Marga e Touriñán entran pola porta de acceso á platea ata o escenario mentres comentan sobre quen está e quen falta, animan aos presentes a facerse fotos e escribir nas Redes Sociais sen medo e presentan a banda de estudantes de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago, que tocarán toda a noite éxitos do Xabarín.
Unha vez chegan xunto ás rapazas da banda, deciden ensinar aos presentes e a xente nas súas casas a tódolos e tódalas profesionais que están traballando detrás das cámaras e que terán un protagonismo especial na gala xa que irán presentándose algúns dos traballos menos coñecidos polo público e a súa vez estes compañeiros entregarán os Mestre mateo. Entran así no backstage onde se poden ver os Mateos listos para seren repartidos, a Roberto Vilar sendo retocado da maquillaxe, a Javier Veiga que asistiu á gala só polo pincho, a Isabel Blanco e Sonia Méndez charlando animadamente antes de entregar un bloque de premios, a Moncho Lemos que retransmitiría aos espectadores as curiosidades sobre o que sucedese no escenario e a David Melero, que é o primeiro dos técnicos do audiovisual que se da a coñecer: Melero é o “príncipe dos eléctricos” coma o define Marga Pazos e ten a capacidade de deixar sen luz un plató se así o quere. Así, desenchufa un cable e todo o auditorio queda a escuras pero tan só un momento, xa que a luz volve e Marga convida a David a entregar o primeiro bloque de premios da noite.
Así, o cámara e eléctrico David Melero foi o encargado de entregar xunto a actriz Sonia Castelo os premios á mellor Dirección de Fotografía, Realización e Interpretación Masculina de Reparto.
Acto seguido a actriz Camila Bossa vai da súa butaca ata o escenario. Escoitamos os seus pasos, o ruído que fai ao caer nas escaleiras e o seu pestanexar. Vemos ao artista de foley e editor de son, Miguel Barbosa, facendo os ruídos correspondentes. Os dous son os que len aos gañadores nas categorías de Anuncio Publicitario, Interpretación Feminina de Reparto e Son.
Marga e Touriñán volven saír ao escenario para comprobar por eles mesmos se alguén dos presentes no Pazo da Ópera se está animando a retransmitir en directo a gala a través de Periscope. Ven á posprodutora Laura Martelo e ao actor Miguel de Lira facendo o intento (fallido). Serán os encargados de outorgar os Mateos a Maquillaxe e Perruquería, Serie de TV e Montaxe.

A continuación entra no escenario a actriz e Vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Mabel Rivera. O público aplaude animadamente. Quere comezar a falar, pero o público continua dándolle a benvida con clamor. Mabel entón increpa a Lorena Vilas, a rexedora da gala, e explica aos espectadores que os asistentes están a facer isto porque fan o que lles pide Lorena. Así, Mabel e Lorena son as encargadas de ler aos gañadores á mellor Música Orixinal, Mellor Curtametraxe de Animación e Mellor Interpretación Masculina Protagonista.
Tras este bloque de premios, volvemos novamente ao backstage onde Lorena lle indica ao presentador Roberto Vilar que xa lle toca a el saír ao escenario. El, ante a sorpresa, colle á responsable de vestiario, Lola Dapena, para que o acompañe na entrega de galardóns. Xa ante o público, Vilar explica o traballo de Lola a través da evolución do pixama de Tonecho. Con isto, deron a coñecer os Mestre Mateo ao mellor Vestiario, Curtametraxe e Dirección.
Na platea Jaime Fernández (operador de cámara, steadicam e director de fotografía) charla animadamente con Marcos Pereiro (actor), que simula manexa un dron. Marcos pregúntalle se pode facer o plano tan flipante que fixo naquela peli e Jaime acepta a proposta. Camiñan polo corredor e soben ao escenario para abrir os sobres que conteñen aos premiados en Videoclip, Guión e Comunicador/a TV.
Novamente está Marga no escenario e fala sobre as imaxes da pantalla, que se corresponden coa primeira obra de ficción galega Miss Leyda que cumpre 100 anos. Aproveita a ocasión para poñer en valor o sector audiovisual galego dar folgos a tódalas persoas que forman parte desta industria.
Continua a gala coa homenaxe aos compañeiros do sector que nos deixaron dende a última gala e co discurso do Presidente da Academia, Carlos Ares, que fixo un repaso da situación do audiovisual en Galicia. Foi tamén Ares o encargado de entregarlle o Premio de Honra Fernando Rey a Xavier Villaverde. Durante o seu discurso o director de cine fixo fincapé na limitada presenza de mulleres na dirección do cine e explicou que “se unha sociedade non coida o talento, non pode progresar”.
A actriz e delegada de AISGE en Galicia, Isabel Blanco, xunto á directora do Festival Carballo Interplay, Sonia Méndez, entraron no escenario para dar a coñecer aos galardoados co Mestre Mateo á Dirección de Arte, Serie Web e Interpretación Feminina Protagonista.
Os derradeiros premios da noite (Dirección de Produción, Programa TV, Documental e Longametraxe) foron entregados polos propios presentadores da gala, Marga Pazos e Xosé A. Touriñán.
O broche final do espectáculo foi coa canción de “O Tren” de Andrés Dobarro interpretado en directo pola nosa banda e coas imaxes de numerosas caras coñecidas do audiovisual galego que colaboraron cantando esta canción.
Unha vez rematada a gala, ofreceuse unha degustación de produtos da nosa terra na sala do Pazo da Ópera a tódolos convidados.

Galería:

Patrocinadores:

Colaboradores:

Agradecementos: