Skip to main content

Xa falta pouco para a gran festa do noso audiovisual, na que coñeceremos cales son as mellores producións e profesionais do ano. Este sábado, a partir das 19:30 horas, os convidados da gala dos Premios Mestre Mateo desfilarán pola alfombra vermella situada na entrada do Auditorio Municipal de Ourense: profesionais da interpretación, dirección, comunicadoras e comunicadores, finalistas, autoridades, medios de comunicación e, entre eles dez compañeiras e compañeiros que se encargarán de desvelar ás gañadoras dos Premios Mestre Mateo no transcurso da gala. 

Alba Mancebo e Arturo Fernández serán os encargados de anunciar os primeiros galardóns da noite. Os presentadores xa compartiron pantalla presentado os fogos do Apóstolo en 2019 e programas como O amor está en todas partes e Eventos G. A comunicadora vimiancesa foi unha das co-presentadoras da gala da pasada edición dos Mestre Mateo. 

Darán paso á académica Mayka Braña, quen intepreta á malvada Adela de Castro na serie Saudade de ti, emitida actualmente na Televisión de Galicia e Noelia Rey, guionista e presentadora do magacín de humor Malicia Noticias. Outro dos protagonistas de Saudade de ti, o académico Adrián Castiñeiras, estará acompañado no escenario pola académica María Mera, protagonista da serie Motel Valkirias, unha co-produción entre Televisión de Galicia, RTP e HBO que será estreada proximamente. Adrián Castiñeiras é ademais finalista nos Mestre Mateo coa súa produtora Kraken Films, coas series web Delicias Amargas e Terapia de e a curtametraxe La entrevista.  

A parella formada por Trisha Fernández e Monti Castiñeiras anunciará o cuarto bloque de premios da noite. Despois do seu paso pola serie de RTVE Acacias 38 a actriz é coñecida en moitos fogares galegos por presentar o veterano programa de entretemento Luar. O actor Monti Castiñeiras interpreta na actualidade a Alfonso Quiroga na serie Un asunto privado de Amazon Prime Video. A lei de Santos, serie que protagoniza o popular personaxe xurdido da serie de Voz Audiovisual Serramoura, é finalista nos Mestre Mateo na categoría de Mellor Serie de Televisión.

Os académicos Isabel Naveira e Tito Asorey serán os encargados de desvelar os últimos galardóns da vixésimo primeira edición dos Mestre Mateo. A actriz coruñesa é un rostro popular de series televisivas desde a súa aparición na recordada Mareas Vivas; Fariña, Vis a vis, Matalobos ou Néboa, a gañadora do Mestre Mateo á Mellor serie de televisión en 2021. A gala dese ano foi dirixida polo seu compañeiro sobre o escenario, quen interpreta a Darío Cimadevila en Rapa, a obra con máis candidaturas finalistas da presente edición dos premios.