O artista e produtor catoirense Baiuca será o encargado de poñer banda sonora á noite na que se coñecerán as gañadoras e gañadores dos XXIII Premios Mestre Mateo. A música será un dos principais ingredientes da gala do día 15, que será presentada pola actriz Teté Delgado e dirixida pola coreógrafa Marta Alonso.
Baiuca interpretará varios temas do seu último traballo que está presentando por escenarios de todo o mundo e converterá a noite do audiovisual galego nunha gran foliada moderna. Co baile e a música tradicional como aliados, Baiuca é un dos artistas máis vangardistas, impredecibles e inabarcables dos últimos anos. O tamén produtor é coñecido por reivindicar o folclore e construír novas identidades sonoras.
No seu último traballo, «Barullo», Baiuca achégase máis que nunca á pista de baile sen desprenderse da conexión coa música tradicional galega con máis licencias electrónicas que nunca. Neste exercicio mestura xéneros como o breakbeat, o deep house, o UK Garage ou o trance e xera unhas composicións que soan tanto a clásicos raveros como a clásicos folclóricos.
Ademais, o espectáculo de Baiuca apóiase nun mundo estético e lumínico propio que despregará na noite dos premios. A gala do audiovisual galego terá lugar en Lalín o sábado 15 de marzo e será unha viaxe polo imaxinario folktrónico e un recoñecemento aos mellores traballos da industria galega.