Skip to main content

As comunicadoras Alba Mancebo e Esther Estévez e os intérpretes Beatriz Serén, Luis Iglesia e María Costas desvelarán mañá, a partir das 12:30 horas, cales son as candidaturas finalistas dos XX Premios Mestre Mateo mentres degustan un café gourment desde o showroom de Cafés Candelas, en Lugo.

Alba Mancebo, finalista na pasada edición dos premios volve ser candidata nesta ocasión. Que sucedería se, ao abrir o sobre, lese o seu nome como finalista? “É probable que me caese unha bagulliña de emoción, sobre todo porque este ano soprenderíame moito, a verdade. O que si que agardo e que me faría moitísima ilusión ler é o nome da miña amiga e compañeira de lectura, Esther Estévez, que o merece todo!”. Ela está tamén entre as posibles candidatas finalistas “anda moita xente falándome sobre iso pero dubido moito que vaia pasar”. Se mañá o café de Cafés Candelas ven acompañado dunha candidatura considera que “alucinaría, non sei como reaccionaría no momento pero sería unha das maiores alegrías para min a nivel profesional”.

Cafés Candelas a entidade que acolle este acto é unha empresa familiar que, desde Lugo, se adica ao torrado e fornecemento de café. Dúas das persoas que se sentarán mañá no showroom son tamén lucenses, os intérpretes Beatriz Serén e Luis Iglesia. Para a primeira este feito fará a lectura de finalistas aínda máis especial “eu nacín e medrei nestas terras, e actualmente teño o meu fogar en Lugo. Para traballar no audiovisual sempre tiven que saír da miña cidade, polo que facer este evento tan importante aquí, e ser partícipe, é ilusión dobre. Xa saber quen son as nomeadas e nomeados sempre é un día especial de por sí, pero tardar 5 minutos en chegar a Café Candelas suma moito (risas)”.

María Costas, quen recibiu un Mestre Mateo á mellor interpretación feminina de reparto en 2018 , resume a colleita audiovisual deste ano como de “boa saúde, vigor e solvencia” antes de engadir “creo que hai un enorme avance na calidade dos proxectos en case todas as categorías, como se a pandemia trouxese asociada unha boa dose de inspiración, pero tamén eclosionase a madurez dos profesionais en todos os ámbitos do audiovisual”. Sobre o momento no que subiu ao escenario do Pazo da Ópera coruñés para recoller o seu trofeo lembra que “foi unha sorpresa, porque nunca contemplei a posibilidade de gañalo, tardei en procesalo, case non recordo o traxecto ata o set onde me fixeron as fotos co ramo de flores, que por certo quedou alí. Moita alegría e agradecemento eterno por ese recoñecemento é o que sinto”.

Os cinco desvelarán as finalistas nas vintecatro categorías dos XX Mestre Mateo. O evento será emitido en directo a través do perfil de Instagram da Academia.