Skip to main content

Por vez primeira a gala celebrarase fora da contorna das grandes cidades de Galicia.
O Lalín Arena acollerá unha das citas máis importantes para a cultura galega en 2025.

Lalín, 7 de outubro de 2024 | A Academia Galega do Audiovisual anunciou esta mañá que a gala dos XXIII Premios Mestre Mateo se celebrará en Lalín o 15 de marzo de 2024. O anuncio tivo lugar nunha rolda de prensa celebrada no concello lalinense, na que interviñeron Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia, Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra, e José Crespo, alcalde de Lalín. 

Álvaro Pérez Becerra empezou a súa intervención destacando que, despois de 23 anos de historia, a gala de entrega de premios se traslada “ao corazón de Galicia” fora da contorna das grandes cidades de Galicia, indicando “teñen que pasar cousas nos entornos non urbanos, a cultura ten que estar en todas partes”. Recalcou que fora dos entornos urbanos  “hai outra Galicia que fai cousas, que move a economía, e Lalín é un bo exemplo disto.”

O Lalín Arena acollerá unha das citas máis importantes para a cultura galega en 2025, onde se darán a coñecer as gañadoras e gañadores da vixésimo terceira edición dos Premios Mestre Mateo. 

O presidente da Deputación de Pontevedra Luis López, manifestou o “máximo apoio” da institución que preside na organización dos Mestre Mateo en 2025 para que os premios podan “achegarse a todos os recunchos do territorio”. Indicou contar neste reto “cos mellores aliados:  o Concello de Lalín e a Academia”. Esta será a terceira ocasión en que a gala de entrega de premios se celebre na provincia. A primeira tivo lugar en Vigo no ano 2005 e a segunda, na cidade do Lérez, catro anos máis tarde. 

A elección deste enclave non é casual; con este xesto, a Academia Galega do Audiovisual quere subliñar a importancia das infraestruturas culturais no rural, reivindicando que nin a creación nin o consumo de cultura son exclusivos dos grandes centros urbanos, senón tamén o valor do rural como espazo vivo, creativo e culturalmente vibrante. 

José Crespo, alcalde de Lalín, remarcou na súa intervención que “Galicia é unha aldea global” que precisa que “políticos e institucións teñan sensibilidade para repartir xogo”. Considerou “un motivo de satisfacción para todos” a celebración dos premios na cidade da que é rexedor, da que afirmou que agarda “estar á altura”. 

A XXIII edición dos Mestre Mateo é unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual, que se celebrará en Lalín grazas ao apoio da Deputación de Pontevedra e o Concello de Lalín.