Skip to main content

Os XXIV Premios Mestre Mateo quentan motores na véspera da súa celebración no auditorio Fuxan os ventos de Lugo. Tras meses de traballo, dedicación e coordinación de diferentes equipos, o evento, que se retransmitirá en directo na TVG o vindeiro sábado 21 de marzo ás 22.00 horas, resumirase en pouco máis de dúas horas de gala. 

Todo este despregue de montaxe implica a máis de 150 técnicos que traballan para que todos os detalles encaixen á perfección; máis de 50 empresas empresas involucradas na produción da Gala e un total de 80 xornalistas acreditados que asistirán para cubrila in situ, tanto locais como de alcance nacional.

A presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga, agradeceu a todas as institucións que nos acompañaron neste camiño longo, intenso e frutífero, e tamén agradeceu ao público de Lugo pola súa acollida en todas as actividades previas aos Premios. 

Pola súa banda, Javier Arias, delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, destacou a profesionalidade dos premios e das actividades e a importancia da descentralizacion deste tipo de eventos para chegar a máis públicos.

Iria Castro, deputada de Cultura, Patrimonio e Normalización Lingüística, reforzou a idea de apoiar á industria audiovisual e agradeceu a todas as traballadoras, voluntarias e estudantes en prácticas que participaron da organización dos premios.

Finalmente, Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, destacou a importancia do traballo realizado nos últimos meses e os avances para que todo luza, na noite de mañá, á altura dos Premios.