A xornalista Eva Veiga recibirá o premio de Honra Fernando Rey na Gala de entrega de premios da XXII edición dos Mestre Mateo que se celebrará o vindeiro 23 de marzo no Coliseum de A Coruña.
O anuncio tivo lugar esta mañá na Cidade da Cultura, nunha recepción a cargo do actual conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez González, na que participaron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra, e Carmen Méndez e Milo Baños en representación da xunta directiva.
A Academia Galega do Audiovisual decidiu outorgarlle o Premio de Honra Fernando Rey neste ano 2024 “por formar parte dunha xeración pioneira que fixo posible unha televisión pública comprometida coa información, a divulgación e a construción da identidade de varias xeracións de galegas e galegos. Pola súa traxectoria vital que transita da memoria á vangarda, empregando a comunicación e a creación como ferramentas ao servizo da nosa cultura e o noso audiovisual. Por constituír un exemplo de profesionalidade, creatividade e resiliencia”.
Eva Veiga, nada en Pontedeume no ano 1961, desenvolveu unha intensa carreira profesional como xornalista e comunicadora na programación cultural da TVG desde a súa primeira emisión no ano 1985, co-presentando o primeiro programa informativo da canle pública, ou en espazos como ‘Entre nós’, ‘Mesa reservada’, ‘De perfil’ ou ‘Galicia no tempo’, a primeira gran serie documental sobre a historia da arte en Galicia.
Como actriz, formou parte con Fito Ares e Bernardo Martínez do grupo Ouriol, un trío poético-musical ao que tamén se incorporou o artista plástico Alfonso Costa. Sobre a vida e obra deste pintor noiés publicaría Veiga -en colaboración con Ánxeles Penas- o libro ‘Alfonso Costa’. Mais tamén ten publicado desde contos infantís até guías, como ‘Santiago. Cidade de peregrinación’. Completa a versatilidade de Veiga, a súa faceta de poeta, galardoada con premios como o Fiz Vergara Vilariño (2013), o Premio Poesía AELG (2014) e o Premio da Crítica de poesía galega (2016).
Paralelamente, Veiga ten participado como actriz nas longametraxes ‘A cicatriz branca’ (2012) e ‘Nación’ (2020), de Margarita Ledo, xunto a quen guioniza o seu próximo filme ‘Prefiro condenarme’, que se atopa actualmente en proceso de rodaxe. Ademais do seu traballo como co-guionista no proxecto de Margarita Ledo, na actualidade, atópase escribindo un novo poemario e algúns contos infantís.