Skip to main content

O Lalín Arena vai ser o espazo que acolla a noite dos XXIII Premios Mestre Mateo e, como tal, a Academia vai velar por un entorno seguro e sen violencia para todas as persoas asistentes. Co fin de poder garantir esta máxima e tendo especial consideración cos colectivos máis vulnerables, habilitouse un ‘punto violeta’ no interior do recinto.

O ‘punto violeta’ está sinalizado coa cor morada e está instalado nun lugar visible e de fácil acceso, para que calquera que precise atención poida acudir a el, no caso de ser vítima de violencia de xénero, sexual ou LGTBIfóbica. Tamén no suposto de presenciar esta clase de agresións e poder denuncialas. Neste sentido, a organización non vai tolerar ningunha conduta violenta.

Cada edición dos premios Mestre Mateo prepárase con toda a dedicación posible para crear unha noite de celebración do audiovisual galego, sempre nun espazo de respecto, convivencia e igualdade, sen excepcións.

Coa mesma premisa da seguridade e de manter un ambiente laboral respectuoso, a Academia dispón dun Protocolo de actuación para a prevención do acoso no traballo. Este documento explica que non se tolerarán situacións de acoso (moral, sexual o por razón de sexo) no seo da Academia e comprométese a preservar un entorno libre de acoso de calquera tipo.