Nosoutras, as mulleres da revista Nós

sinopse

NOSOUTRAS, AS MULLERES DA REVISTA NÓS é a primeira serie audiovisual documental sobre as tres mulleres que escribiron artigos propios na revista Nós, un dos maiores emblemas culturais galegos. A serie foi producida no 2023 por Nós Televisión e contou co patrocinio da Deputación de Ourense. A ourensá Eira Losada presenta os tres capítulos da serie ‘Nosoutras, as mulleres da revista Nós’ desde espazos da cidade das Burgas como a rúa Alejandro Outeiriño, onde se fundou La Región mais tamén onde se imprimiu o primeiro número da revista Nós en 1920, a praza Maior ou a rúa Francisca Herrera no barrio ourensán da Ponte.

  • O primeiro capítulo, que xira arredor da irlandesa Anne MacSwiney, estreouse o sábado 21 de outubro, ás 12 horas na canle de youtube de Nós Televisión. O segundo capítulo, adicado á vida Francisca Herrera, estreouse o 28 de outubro ás 12 horas tamén na canle de youtube; e o 3º capítulo estrearase o sábado 4 de novembro ás 12:00 horas na mesma canle de youtube de Nós Televisión. Anne MacSwiney e Irlanda en Nosoutras A revista Nós acolleu regularmente contidos relacionados con Irlanda chegando a contar coa sinatura de Anne MacSwiney, intelectual e mestra que difundiu a tráxica historia do seu irmá Terence, morto por unha folga de fame durante a guerra de independencia de Irlanda. Por esta causa, MacSwiney escribe na revista Nós.
  • No primeiro capítulo da serie, abórdase o papel que desenvolve Irlanda para a xeración Nós, a importancia da sinatura de MacSwiney e a vida da propia irlandesa que non só se centrou no activismo senón tamén no sector educativo. Anne MacSwiney destacouse como mestra fundadora das Scoil Íte, unhas escolas que fomentaban o uso e estudo da lingua e cultura gaélicas. Nosoutras: Margot Sponer e Francisca Herrera O descoñecemento existente arredor das mulleres de Nós bate coa historia fascinante que alberga cada unha delas. É o exemplo da galega Francisca Herrera que tivo un papel especialmente relevante na nosa cultura e na revista Nós. A ela adícase o segundo capítulo da serie. Trátase da primeira muller en escribir unha novela en galego, a primeira académica da Real Academia Galega, e a primeira muller logo de Rosalía en ser homenaxeada co Día das Letras Galega en 1987. A maiores de todos estes camiños abertos, Francisca Herrera tamén foi a primeira muller en escribir na revista Nós e fíxoo con ‘A muller galega’, un artigo que a investigadora Carmen Blanco sitúa como o primeiro ensaio de temática feminista escrito en galego. Non menos relevante é o caso de Margot Sponer, unha lingüista alemá que en 1926 percorre Galicia na procura de documentación para súa tese de doutoramento converténdose nunha das pioneiras dos estudos galegos no mundo. Nese mesmo ano, tomou contacto co grupo da Revista Nós e foi proposta como integrante do Seminario de Estudos Galegos. O terceiro capítulo da serie está centrado nela.
FICHA TÉCNICA
  • DESEÑO DE PROGRAMA
    Diego Frey
  • REALIZACIÓN
    Martín Rodríguez e Diego Frey
  • GUIÓN
    Ana Viqueira e Roi Ribeira
  • ENTREVISTAS E DOCUMENTACIÓN
    Ana Viqueira
  • EDICIÓN
    Diego Frey
  • PRODUCIÓN EXECUTIVA
    Rosabel Candal e Diego Frey
  • DIRECCIÓN DE PRODUCIÓN
    Ana Viqueira
  • AXUDANTE DE PRODUCIÓN
    Roi Ribeira
  • CÁMARA E SON
    Roi Barros
  • CREACIÓN DE CABECEIRA
    Roi Barros
  • PRESENTACIÓN
    Eira Losada
  • PERSOAS ENTREVISTADAS
    Afonso Vázquez Monxardín, Alberto Allegue, María Jesús Lorenzo Modia, Patricia Arias
    Chachero, Víctor Freixanes, Carmen Blanco, Antón Figueroa
CANDIDATURAS XXII PREMIOS MESTRE MATEO
  • Mellor serie web