A XXII edición dos Premios Mestre Mateo, celebrada en 2024, volveu ser convocatoria de referencia para celebrar o audiovisual galego, recoñecendo as mellores obras e profesionais dun ano especialmente exitoso para as producións feitas con talento galego.

 

Candidaturas

O 8 de xaneiro de 2024 a  Academia Galega do Audiovisual poñía en marcha as votacións para escoller as candidaturas finalistas da XXII edición dos premios. Un total de 173 producións foron presentadas para participar, o que supuxo un descenso de 21 traballos con respecto ao 2023.

O procedemento de votación dos Premios Mestre Mateo está aberto ás académicas e académicos que non teñan cotas pendentes coa asociación, que poden elixir, cos seus votos, as súas candidaturas preferidas entre todas as presentadas, outorgando 4, 3, 2 e 1 punto, sendo 4 a puntuación maior e 1 a menor. A votación realízase desde a área privada da web academiagalegadoaudiovisual.gal.

Por outra banda, produciuse un récord de participación nas categorías de longametraxe, programa e curtametraxe: 11 longametraxes (10 de ficción e 1 de animación), 40 programas e 45 curtametraxes (38 de ficción e 7 de animación) loitarán por alzarse cun galardón na gala de entrega de premios.

A categoría de mellor longametaxe daba conta da excelente colleita do audiovisual galego en 2023, con films recoñecidos en festivais como ‘O Corno’, coroado coa Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastian e a película de animación, ‘O Soño da Sultana’, tamén galardoado no prestixioso festival donostiarra; ‘Matria’ e ‘Sica’, aclamadas na Berlinale; ‘Cando toco un animal’, presente na selección oficial do Festival internacional Rizoma e do Atlántida Film Fest; ‘Amigos hasta la muerte’, que tivo a súa premiere no Festival de Málaga ou ‘Vestida de Blanco’, galardoada no Washington DC International Cinema Festival. Nesta listaxe tamén están presentes ‘Fatum’, un dos filmes máis vistos do ano en Amazon Prime, o film de ciencia ficción ‘¡Salta!’, aclamado pola crítica, e os filmes corais 12 no camiño e ‘Claustrofobia’, que aínda teñen pendente a súa estrea en salas.

Resultou salientable a produción de curtametraxes, un 36,3% superior á edición anterior, cunha mención especial á categoría de animación, na que se presentaron máis do dobre de traballos. Tamén compre destacar un incremento nun 21,2% das obras que competiron na categoría de mellor programa.

Pola contra, houbo outras categorías que experimentan un descenso significativo no número de obras presentadas, como son as de anuncio publicitario (un 57,1% menos); documental (cunha diminución dun 36,3%) e videoclip (32,5% inferior).

As dúas categorías de audiovisual seriado mantiveron o mesmo número de obras candidatas que nos XXI Mestre Mateo: 4 series de televisión e 11 series web. Entre as primeiras mantívose a tendencia apreciada na edición de 2023, coa presencia de dúas producións estreadas en Televisión de Galicia, ‘Motel Valkirias’ e ‘Saudade de ti’; e outras dúas en plataformas de streaming: ‘Os argonautas e a moeda de ouro’, emitida en RTVE Play e ‘Rapa’, de Movistar +.

O balance de candidaturas dos últimos tres anos é o seguinte:

2022 2023 2024
Longametraxe 8 7 10
Longametraxe Animacion 2 1
Serie TV 5 4 4
Serie Web 14 11 11
Programa 32 33 40
Anuncio Publicitario 19 28 12
Documental 28 33 21
Curtametraxe Ficcion 29 30 38
Curtametraxe Animacion 0 3 7
Videoclip 27 43 29
Total producións 162 194 173

Houbo un total de 493 inscritos nas categorías profesionais, dos cales 284 (un 57,6%) son homes e 209 (un 42,3%) son mulleres. As categorías que aglutinaron o maior número de candidaturas foron mellor montaxe, con 65, e mellor guión, con 63. A diferencia entre profesionais femininas e masculinos resultou pouco relevante en categorías como interpretación, (59 actrices candidatas e 60 actores); mellor comunicador (21) ou comunicadora (23) e mellor dirección de produción (16 homes e 18 mulleres). Existiron diferencias notorias na presencia de profesionais femininas nalgunhas categorías técnicas como son dirección de fotografía (9,5% mulleres fronte a 90,5% homes); realización (10 % realizadoras fronte a 90 % realizadores); son (19,2 % mulleres fronte a 90,8 % homes) e dirección, na que só hai 7 directoras candidatas (24,1%), fronte a 22 directores (75,8%).

Pola contra, na candidatura a mellor maquillaxe e perruquería, só houbo un 4,5% de candidaturas masculinas, fronte a un 95,5 % de candidaturas femininas. Para rematar, cabe destacar a ausencia de candidatos na categoría de mellor vestiario así como a inexistencia de compositoras candidatas a mellor música orixinal.

Nas obras presentadas seguimos a atopar datos positivos en relación ao uso da lingua galega, un 65,3 % teñen a súa versión orixinal neste idioma, aínda que se producise unha diminución de dous puntos con respecto á edición de 2023.

Neste primeiro prazo de votación, que estivo aberto ata o  31 de xaneiro, as académicas e académicos elixiron as candidaturas finalistas dos XXII Premios Mestre Mateo.

Premio de Honra Fernando Rey

O anuncio do Premio de Honra tivo lugar o 13 de febreiro nunha recepción a cargo do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez González, na que participaron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra, e Carmen Méndez e Milo Baños en representación da xunta directiva. O acto celebrouse na Cidade da Cultura de Galicia.

A Academia Galega do Audiovisual decidiu outorgarlle o Premio de Honra Fernando Rey neste ano 2024 a Eva Veiga “por formar parte dunha xeración pioneira que fixo posible unha televisión pública comprometida coa información, a divulgación e a construción da identidade de varias xeracións de galegas e galegos. Pola súa traxectoria vital que transita da memoria á vangarda, empregando a comunicación e a creación como ferramentas ao servizo da nosa cultura e o noso audiovisual. Por constituír un exemplo de profesionalidade, creatividade e resiliencia”.

Xuntanza de finalistas

O 5 de marzo de 2024 tivo lugar no Museo Estrella Galicia a xuntanza de finalistas dos XXII Mestre Mateo, na que estiveron presentes Gonzalo Castro, concelleiro de fomento e promoción da cidade do Concello da Coruña; Rosa Ana García López, responsable das áreas de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente da Deputación da Coruña; Avia Veira González, deputada provincial da Deputación da Coruña e  Xaime Arias, director do departamento de proxección social de TVG, quen acompañaron a Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia Galega do Audiovisual e Saamira Ganay, membro da xunta directiva, e a representantes das entidades patrocinadoras dos premios.

A xuntanza iniciouse coa foto de familia das finalistas na sala de caldeiras do museo, que deu paso a un cóctel por cortesía de Estrella Galicia antes de que foran anunciados os premios especiais da XXII edición dos Mestre Mateo:

– Premio ABANCA ao impulso da sostibilidade: ‘Rapa’   “por  ser unha serie pioneira en España ao acadar o certificado  ISO 14067:2018 que ratifica a estratexia de reducción do impacto ambiental en todo o ciclo da produción. Por converterse nunha referencia para produtoras e profesionais de dentro e fora de Galicia.”

– Premio Deleite á promoción da lingua: ‘Bechos’  “pola necesidade de que existan produtos audiovisuais de calidade e e en lingua galega dirixidas a público infantil, axudando a que se familiaricen co idioma desde idades temperás, facilitando o proceso de aprendizaxe e promovendo o seu uso cotiá.”

– Premio Galicia Calidade  á promoción exterior: ‘O Corno’ “por amosar o noso talento en festivais de todo o mundo e converter á súa directora na primeira española en gañar a Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián cun filme rodado en Galicia e en galego.”

– Premio Cafés Candelas á produción máis inspiradora: ‘¡Salta!’ “por ser unha exitosa historia dirixida a público familiar, que demostra que en Galicia se poden producir filmes de ciencia ficción que ofrecen unha perspectiva única dentro do xénero, fomentan o interese pola ciencia e a investigación e estimulan a imaxinación de espectadoras e espectadores.”

O acto finalizou coa entrega aos finalistas dunha bolsa de agasallos por cortesía de Galicia Calidade.

Gala de entrega de premios

A nostalxia tivo un gran protagonismo no espectáculo dirixido por Noemi Rodríguez, que comezou cun dos eslógans máis lembrados do Xabarín Club “Hai alguén aí? Si?, Non? Si?”.  Foi presentado por Lidia Veiga e Miguel Canalejo, que estiveron acompañados sobre o escenario por Fillas de Cassandra, encargadas de poñerlle música ao evento, coa colaboración de Mondra e os peliqueiros de Laza. A intérprete Mela Casal protagonizou un sketch que reviviu o contundente discurso pronunciado pola actriz Fran Drescher (que encarnaba á popular Nanny Fine na serie que emitiu a TVG a finais dos anos 90) para anunciar a folga de actores e guionistas nos Estados Unidos.

Xosé Ramón Gayoso protagonizou un dos momentos máis emotivos da noite, ao entregarlle o Premio de Honra Fernando Rey a Eva Veiga. A gala dos Mestre Mateo reunía, 39 anos despois, a dous dos presentadores que formaron parte da primeira emisión da Televisión de Galicia o 25 de xullo de 1985.

Tamén houbo lugar para a reivindicación no Coliseum coruñés: o presidente da Academia, Álvaro Pérez Becerra, estivo acompañado sobre o escenario polo resto de integrantes da xunta directiva no momento de dar un discurso no que reivindicou “o compromiso de sermos solidarias” e quixo darlle voz á situación da Academia Valenciana del Audiovisual que sofre desde hai varios meses “os efectos da intolerancia e a censura”. A presidenta da asociación, Teresa Cebrián, recalcou na súa intervención a importancia de que “o noso sector non se vexa obrigado a dar pasos atrás”.

O filme ‘O corno’ de Jaione Camborda foi a obra máis premiada da noite ao facerse con sete galardóns: Mellor dirección de arte (Melania Freire), Mellor maquillaxe e perruquería (Bárbara Brouke, Lorena Clavo e Silvia Neira); Mellor son (Sérgio Silva e David Machado); Mellor vestiario (Uxía Vaello) e Mellor longametraxe. A directora alzouse cos premios a Mellor dirección e Mellor guión.

Pola súa banda, o equipo de ‘Matria’ recolleu os trofeos a Mellor dirección de fotografía (Lucía C. Pan) e dirección de producción (Nati Juncal) e fixo pleno nas categorías de interpretación nas que era finalista, con recoñecementos para María Vázquez como Mellor interpretación feminina protagonista; Susana Sampedro como Mellor interpretación feminina de reparto e Santi Prego como Mellor interpretación masculina de reparto.

‘Rapa’, votada polas académicas e académicos como Mellor serie de TV, tamén gañou os premios a Mellor montaxe (Gaspar Broullón, Julia Juanatey, Lucía Iglesias) e Mellor música orixinal (Xavi Font). Dentro da ficción seriada, ‘A arte de ser (mal) pai’ da produtora Miraveo, obtivo o Mestre Mateo a Mellor serie web.

Tamar Novas e Lucía Veiga subiron ao escenario da gala, por segundo ano consecutivo: o actor compostelán volveu recoller o premio a Mellor interpretación masculina protagonista, polo seu papel en ‘¡Salta!’ e a intérprete e humorista coruñesa foi recoñecida, nesta ocasión, como Mellor comunicadora, polo seu traballo en ‘Malicia Noticias’. Completan o listado de profesionais galardoados Alba Prol, Raúl García e Jairo Iglesias na categoría de Mellor Realización, polo seu traballo en ‘O Gran Camiño. Grandes Rutas a Pé do Mundo’.

Cómpre salientar a gran presencia de profesionais femininas no palmarés, con gañadoras en tódalas categorías exceptuando Mellor son e Mellor música orixinal.

‘Os espazos en branco’ impúxose na categoría de Mellor documental. Pola súa banda, ‘Cos pés na terra’ acadou o premio a Mellor programa. O videoclip de C. Tangana para o R.C Celta de Vigo ‘Oliveira dos cen anos’ venceu na súa categoría e ‘Chama a miña neta’ alzouse co trofeo a Mellor anuncio publicitario.

Despois de recoller o Premio Mestre Mateo, os galardoados baixaron do escenario para seren retratados no Photocall de Gañadores que, nesta edición foi patrocinado por Bico de Xeado. A medida que se ían facendo os retratos, un a un fóronse subindo ao perifl de Instagram da Academia, converténdose na primeira imaxe de gañadoras e gañadores co seu premio. Un momento moi agardado que xerou moito tráfico e conversa entre a comunidade online interesada no cinema e a cultura.

Galería:

Patrocinadores oficiais:

Patrocinadores oficiais

Patrocinadores:

Patrocinadores

Entidades patrocinadoras:

Entidades patrocinadoras