Os XXIII Premios Mestre Mateo quentan motores na véspera da súa celebración no Lalín Arena. Son moitos meses de traballo, dedicación e coordinación de diferentes equipos que van resumirse en apenas tres horas de gala. Un evento que poderá verse en estrito directo na TVG o vindeiro sábado 15 de marzo ás 22.00 horas.
Todo este despregue de montaxe implica, aproximadamente, a máis de 150 técnicos que traballan para que todos os detalles encaixen á perfección. Se revisamos o conxunto de empresas involucradas, suman máis de 50.
Ademais o interese mediático que desperta a gala dos premios Mestre Mateo tamén se reflexa no total de medios de comunicación acreditados que asistirán para cubrila in situ: máis de 70, tanto locais como de alcance nacional.
O presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra, agradeceu ás institucións a presenza no Lalín Arena.
Pola súa banda, Xaime Arias, director de Proxección Social da TVG, destacou o crecemento da industria nos últimos anos e o seu posicionamento internacional en festivais e grandes producións, destacando títulos como ‘O Corno’, de Jaione Camborda.
Dolores Meijomín, responsable de Política Audiovisual de AGADIC, reforzou a idea de apoiar á industria audiovisual. Tamén recalcou o apoio que fan durante todo o ano ao sector e insistiu na importancia de impulsar o audiovisual galego a nivel nacional e internacional.
O deputado de cultura da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, sinalou o apoio apoio incondicional ao sector audiovisual galego.
Finalmente, José Crespo, alcalde de Lalín destacou o esforzo de mover os premios fóra das grandes cidades.