Tras case corenta anos dedicándose á industria audiovisual, a script Encarna Alonso é a persoa galardoada este ano pola Academia Galega do Audiovisual co Premio de Honra Fernando Rey. O anuncio tivo lugar esta mañá na Cidade da Cultura, nunha recepción a cargo do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, na que participaron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra e a vogal da Academia Galega do Audiovisual e tamén script, Alba Gallego.
Encarna Alonso nace en 1955 en La Ercina (León) pero desde os anos setenta vive na Coruña. Estudou maxisterio pola súa vocación de dar clase pero traballa no audiovisual desde 1987. Aínda que entrou na industria por casualidade, o seu nome pronto se converteu nun imprescindible no oficio de script, cuxo labor é fundamental para garantir a continuidade, a coherencia e a fidelidade do relato visual e narrativo.
Alba Gallego, vogal da Academia Galega do Audiovisual, destacou que o Premio de Honra vai dirixido a Encarna Alonso «por formar parte dunha xeración de técnicas pioneira que foron determinantes para que o nacemento do audiovisual galego moderno se desenvolvese sobre os piares da profesionalidade e a excelencia. Por ser un referente e abrir camiño á incorporación da muller a unha industria en constante evolución cara a igualdade. Pola xenerosidade coa que compartiu a súa profesionalidade a través da docencia e o seu compromiso coa divulgación do oficio de script deixando unha pegada imborrable nas seguintes xeracións e contibuíndo á profesionalización do audiovisual galego».
O seu primeiro traballo foi na serie “Lendas”, dirixida por Carlos Amil para Voz TV e emitida pola TVG. Para televisión traballou tamén en series como “Mareas vivas”, “Nada es para siempre” e “Pratos combinados”.
En cine empeza con “Sempre Xonxa”, de Chano Piñeiro, e traballou en longametraxes dirixidas por Carlos Amil, Xavier Villaverde, Patricia Ferreira, Alfonso Zarauza, Jorge Coira, Daniel Calparsoro, Ramón Costafreda, Ángel de la Cruz, Gerardo Herrero e Héctor Carré, entre outros moitos directores.
Encarna Alonso acumula máis de sesenta traballos como script, máis de vinte longametraxes, numerosas curtametraxes e preto de cincocentos episodios de televisión. Ela destaca do seu posto a atención, a precisión do detalle, a posibilidade de crear e a estreita relación que establecía cos directores.
A pesar de somerxerse de cheo no mundo audiovisual, Encarna Alonso tamén dedicou tempo á docencia. Impartiu varios cursos e charlas sobre o oficio de script e foi responsable de organización en diferentes cursos sobre audiovisual e educación agrupados nos Congresos Internacionais de Pedagoxía da Imaxe ”Pé de Imaxe”, organizados por Nova Escola Galega, Escola de Imaxe e Son da Coruña, Uned. Curso Lectura de la Imagen (Madrid) e Gabinete de Reforma Educativa da Xunta de Galicia.
Publicou o libro “O oficio de script” dentro da Colección Cadernos, da Escola de Imaxe e Son da Coruña. A súa paixón polo cine e a ensinanza convértena nunha figura clave no ámbito cinematográfico galego.
O premio Fernando Rey recoñece a traxectoria de profesionais cunha especial relevancia para o sector audiovisual. O premio a Encarna Alonso entregarase o vindeiro 15 de marzo en Lalín durante a gala dos Mestre Mateo.